+034 986 09 02 04 Martes 24 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Rapaces e rapazas do CEIP A Florida coñecen de primeira man como funciona o Centro de Compostaxe do Plan Revitaliza en Portonovo


 

Alumnas e alumnos do centro xa puxeron a andar un composteiro no seu patio e realizaron diferentes obradoiros e actividades promovidas pola Deputación

Os rapaces e rapazas do colexio de A Florida de Sanxenxo puxeron fin hoxe á súa formación sobre compostaxe dentro das actividades organizadas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza. Hoxe realizouse a visita ao centro de compostaxe comunitaria instalado en Portonovo, onde o mestre composteiro que se encarga de supervisar o seu funcionamento explicou como se produce o compost a partir dos restos de lixo orgánico que se xeran nas casas.

Os rapaces do CEIP A Florida xa veñen participando nas actividades do Plan Revitaliza dende hai semanas e xa puxeron a andar un composteiro no patio do seu propio centro escolar. A maiores, coñeceron cales son os bichos que participan no proceso de produción do fertilizante e grazas tamén aos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), os alumnos máis maiores asistiron a unha charla titulada ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Os máis pequenos (1º e 2º) tamén participaron nos diferentes xogos, entre os que destacou o ‘Xogo da miñoca’, unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolveron preguntas sobre como acadar un bo compost.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Deja un comentario