+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Escolares de infantil do CEIP Torre Cela de Bueu descubren a ‘vida interior’ dos Centros de Compostaxe


Os pequenos e pequenas estudiaron os bichos dos composteiro grazas a capturadores e lentes de aumento

‘Quen vive aí?’ foi o título da actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza na que participaron os alumnos e alumnas de Infantil do CEIP Torre Cela de Bueu. As pequenas e os pequenos descubriron a ‘vida interior’ dos composteiros identificando os invertebrados que habitan nos centros de compostaxe e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos, sendo parte fundamental do proceso para obter o compost.

Esta actividade de identificar os vermes realizouse analizando diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que os monitores do CEIDA achegaron ata o centro. Alí, os nenos e nenas puideron estudar facilmente os distintos tipos de bichos coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os animais-, e observándoos con material de aumento e chaves dicotómicas.

A intención destes obradoiros é concienciar ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Este programa educativo da Deputación estase a levar adiante xunto co Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) mediante un convenio dentro do Plan Revitaliza. Os colexios, ademais das actividades que se desenvolveron no CEIP Torre Cela, tamén realizan outros obradoiros tales como ‘Xogos sobre residuos’, ‘Poñendo en marcha o composteiro’, ‘A voltas coa compostaxe’ dirixidos a outras idades do alumnado, así como unha exposición itinerante.

A Deputación de Pontevedra, co Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de centros comunitarios de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe como sistema de xestión de lixo.

Deja un comentario