+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

O Goberno de Mondariz asegura que facilitar a conciliación laboral e familiar dos seus traballadores “sempre foi unha prioridade”


 

Ante diversas informacións aparecidas nos medios de comunicación e logo das acusacións formuladas no Pleno polos grupos da oposición sobre o caso da conciliación familiar da conserxe, o Goberno local de Mondariz quere facer as seguintes puntualizacións de cara a que, a veciñanza, coñeza a realidade dos feitos.
1. O Goberno local sempre tivo entre as súas prioridades, o benestar dos seus traballadores e traballadoras, convencido de que este está directamente relacionado co seu rendemento laboral e, polo tanto, co beneficio dos administrados e administradas. Nese benestar inclúese a conciliación familiar e laboral nos casos nos que fora precisa.
2. A conserxe non solicitaba nos seus escritos como conciliación da vida laboral e familiar unha adaptación da xornada, senón un cambio de horario algo que os tribunais en varias sentencias aclaran que “sendo conscientes de que a elección do horario corresponde ao pai traballador ou nai traballadora, tal elección non pode comportar modificación do réxime de xornada e si, unicamente, a súa redución”.
3. A traballadora decidiu sacar ao seu fillo da Gardería Municipal e solicitoulle ao goberno local o poder mantelo con ela durante toda a xornada laboral, mentres non atopaba outra solución, algo que non se lle permite a ningún traballador ou traballadora e que o Goberno de AporM admitiu dadas as especiais circunstancias que concorrían neste caso durante varios meses.
4. Nos meses de xullo e agosto, permitíuselle facer horario de mañá ao diminuír en verán as actividades dos centros que ten baixo a súa responsabilidade en canto a apertura ou peche. En setembro, a propia traballadora pídelle ao alcalde o horario de 9:30 h a 17 h, mentres busca unha solución para o coidado do seu fillo, horario que mantivo durante mais de 8 meses ata que colleu a baixa, asumindo os responsables locais a xestión do horario que quedaba sen os servizos da conserxe.
5. As actuacións do Goberno local, permitíndolle que acudira ao seu posto de traballo co seu fillo, algo que non se lle permite a ninguén, amosan claramente a vontade do Executivo local de atopar unha solución viable.
6. As funcións da traballadora, recollidas no BOPPO nº 92 de 13 de maio do 2005 son as de “garantir a apertura, peche e mantemento en bo estado das instalacións municipais e especialmente a do Polideportivo Municipal, Casa do Concello e Centro Social”. Por motivos obvios de horarios das actividades que se realizan no Polideportivo Municipal e no Centro Social, a presenza da conserxe requírese necesariamente tamén de tarde.
7. Dado que a conserxe non solicitaba conciliación familiar senón un cambio de horario, este orixinaría unha modificación substancial das condicións de traballo do outro conserxe, persoal funcionario, que tomou posesión específicamente para o CPI de Mondariz, non para instalacións municipais varias como dita conserxe. Isto faría que o Concello incorrese nunha clara ilegalidade ao cambiar as condicións de traballo do outro traballador. Considera o Goberno que unha cousa é a simple redución e modificación de xornada e outra a fixación dun horario distinto, xa que a conserxe non negocia ningunha outra posibilidade, pide unha xornada de 8:30 hs a 15 hs.
A outra conserxe é persoal laboral, que foi contratada especificamente para a Escola de Música e o seu horario é de mañá e de tarde, rematando a súa xornada ás 21 hs.
8. O Goberno local está aberto a buscar solucións que permitan, a vida familiar e laboral da conserxe, polo que se tentará buscar esta conciliación cun horario alternativo que permita satisfacer os seus intereses pero sen afectar á adecuada prestación dos servizos municipais.
9. O Goberno local desminte, de xeito rotundo, as acusacións formuladas por algún grupo da oposición danando intencionadamente a honestidade do executivo local e utilizando este caso como arma para atacar ao Goberno seguindo a máxima de que “en política todo vale”, máxima que, evidentemente, non comparte este Goberno.

Deja un comentario