+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018

O concello de Bueu consegue a bandeira azul para catro praias, a Aula de Cabo Udra e Agrelo e o Sendeiro de Udra


O Centro de Interpretación de Agrelo estréase con este distintivo outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC)
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante este verán. Así, o Concello de Bueu mantén as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán. Ademais, a vila morracense consegue o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, ao tempo que se estrea o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.
O municipio bueués recolle un ano máis os froitos das diversas obras e xestións que levan facendo para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento e acondicionamento do patrimonio natural. Neste senso, a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Silvia Carballo, quixo resaltar que “conseguimos todas as candidaturas que pretendemos”. Ademais, o alcalde da vila, Félix Juncal, destaca a satisfacción por “poder recuperar as catro bandeiras azuis nas praias, situación que se logra co bo traballo e co mantemento dos servizos no pasado verán”. O rexedor refírese tamén ás dificultades que se tiveron que afrontar desde o Concello no tocante á contratación de socorristas, que levou a que non estivesen contratados a comezos de xullo na praia de Lagos, onde se perdeu o pasado ano o distintivo. Con todo, “o Concello seguiu mantendo os servizos durante toda a tempada, que é a causa de que se volva recuperar a Bandeira Azul para este areal”, apuntou Juncal.
Por outra banda, desde o goberno local mostran unha dobre satisfacción, pois a entrada do Centro de Interpretación de Agrelo vén a refrendar o traballo realizado polas diversas concellarías na aposta polo medio ambiente como elemento imprescindible de sensibilización e promoción turística.

Deja un comentario