+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

A Deputación investirá máis de medio millóns de euros en calmar o tráfico e pintar as estradas provinciais no Val Miñor


 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe en Nigrán o Plan MÓVESE para toda a zona e sinalou que se actuará en 17 vías
A Deputación de Pontevedra iniciará esta primavera actuacións de calmado de tráfico e de sinalización horizontal en alomenos 17 estradas de titularidade provincial na comarca do Condado-Paradanta. Así o explicou hoxe o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen presentou en Nigrán o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) para a zona que, xunto coa actuación de pintado de estradas, ascenderá a 539.209 euros.
O responsable das vías provinciais e o asesor de Mobilidade Jesús Fole explicaron aos alcaldes e concelleiros de Nigrán, Baiona e Gondomar (o concello de Oia non solicitou as actuación ofertadas dende a Deputación e non estivo presente) que a intención é “dar unha resposta á problemática da seguranza viaria cun xiro ás políticas anteriores”.
No encontro cos rexedores e concelleiros o nacionalista foi claro e asegurou que a Deputación aposta polos elementos físicos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados –PPS- ou lombos e redutores físicos –RFVV-) para garantir unha mobilidade sostible e segura aos colectivos máis vulnerables. “Está demostrado que con menos velocidade as consecuencias dos accidentes son menores. Podemos poñer radares, sinais, multas, pero a única actuación efectiva para baixar esa velocidade, e por tanto rebaixar o número de accidentes e de feridos, é instalar redutores físicos que obriguen aos condutores a ir máis amodo”, argumentou Benítez.

O deputado insistiu en que as administracións con competencias en materia de estradas deben aportar solucións ao problema e apostar por crear espazos de convivencia entre as diferentes mobilidades (peonil, ciclista e a motor), revertendo as políticas aplicadas ata o de agora, que daban preferencia aos vehículos nas actuacións das estradas. “Agora a protagonista debe ser a persoa”, dixo.
Benítez sinalou que as características do territorio na provincia de Pontevedra, na que hai un continuo de vivendas ao longo das estradas e, por tanto, de cidadáns que camiñan por elas de xeito continuo, fai que a solución sexa moi particular. “Os cartos públicos son limitados. Poderíanse deseñar vías segregadas e separar coches de ciclistas e peóns, pero a realidade é que non hai cartos para facer sendas peonís e beirrarúas en todas as estradas da provincia. Tiñamos que atacar a situación desde outra perspectiva, e o Plan MÓVESE é unha aposta axustada á realidade galega e á realidade económica para calmar o tráfico”, defendeu.
No caso da comarca do Val Miñor, o investimento global do Plan Móvese é de 489.934 euros, cos que se instalarán 39 pasos de peóns sobreelevados e 18 redutores físicos de velocidade. A maiores, o investimento en pintado horizontal será de 49.274,40 euros.
Por concellos, no de Nigrán instalaranse 24 pasos de peóns sobreelevados (PPS) e 14 redutores físicos de velocidade (RFV) repartidos en sete estradas provinciais: haberá 4 PPS na EP-2101 de acceso a Ceán, que tamén se pintará na súa totalidade; dous PPS na EP-2102 entre Nigrán e Vincios, xunto a 8 redutores e á sinalización horizontal; catro PPS e un RFV na EP2103 entre Priegue e Prado; cinco PPS na EP-2104 entre Panxón e Patos; tres PPS na EP-2105 entre Panxón e Montererro (tamén pintada); dous PPS e cinco redutores na EP-2106 entre Ramallosa e Parada e finalmente catro PPS na EP-2107 entre a Ramallosa e Parada a Vilariño. Tamén se mellorará a sinalización horizontal da EP-2108 de acceso a Donas, tendo en total 31,2 quilómetros de lonxitude de pintado.
No concello de Baiona instalaranse catro pasos de peóns sobreelevados e catro redutores, segundo as peticións do concello. Os PPS colocaranse na EP-2201 entre Baiona-Bahiña-Fontes (3), que renovará pintado horizontal, e na EP-2202 Baiona-Loureza colocarase outro PPS. Na EP-2203 entre Baredo e a EP-2202 instalaranse os redutores de velocidade. A maiores pintaranse totalmente as estradas EP-2204 (Sabarís-Belesar) e a EP-2205 (Ramal á Granxa), sumando no total do concello os 33,8 quilómetros de nova sinalización.
O concello de Gondomar optou por instalar pasos de peóns sobreelevados e ningún redutor físico de velocidade: haberá dous PPS na EP-2301 entre Gondomar e Peitieiros, que tamén se pintará; seis PPS na EP-2302 entre Gondomar-Chaín-Morgadáns; dous PPS na EP-2303 entre Gondomar-Vilaza e Parada xunto ao pintado de toda a estrada; e outro PPS na EP-2305 entre Mañufe e Nande, que tamén será pintada. O número de quilómetros a renovar sinalización horizontal ascende a 20,7.
As actuacións do Plan Móvese (lombos e redutores para establecer zonas 30 de velocidade máxima) foron solicitadas no seu día polos concellos. A Deputación recibiu máis dun milleiro de peticións, das que algunhas foron rexeitadas por non referirse a elementos físicos de calmado de tráfico e outras porque hai en previsión actuacións integrais para melloras de estradas que xa incorporan os PPS e RV nos proxectos. Aqueles concellos que desbotaron a posibilidade de instalar os redutores físicos quedaron fóra do plan.

Deja un comentario