+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

Máis de 500 persoas traballarán no novo centro de Froiz en Barro-Meis


Louzán visitou xunto a Magín Froiz as parcelas onde se situará a nova plataforma do grupo de alimentación

Máis de 500 persoas traballarán na primeira das naves que o Supermercados Froiz pretende construír en breve nas parcelas adquiridas no polígono de Barro-Meis e onde tamén se creará desde o primeiro momento un espazo para acoller toda a flota de camións do grupo.
Así o asegurou o responsable da empresa, Alfredo Magín Froiz, nunha visita que realizou á zona, xunto co presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Louzán amosou a súa “gran satisfacción” polo acordo acadado con este “gran grupo de alimentación pontevedrés, que é e unha referencia inescusable en Galicia e no norte de España” e que vai permitir “o despegue definitivo do polígono de Barro-Meis”.
Neste sentido, amosouse confiado en que os traballos para a creación das novas instalacións se poida realizar canto antes e a empresa conte con todos os servizos. “Por parte da Deputación –asegurou Louzán non vai faltar nada para que no prazo que estableza a empresa, poida empezar a traballar”.
Así, nestes momentos xa está adxudicada a construción da liña de alta tensión que abastecerá de enerxía o polígono e que permitirá poñer en marcha as obras en canto se remate.
A maiores, a Deputación está a construír nestes momentos o viveiro de empresas e esta en licitación a construción dun Centro de Servizos e Apoio ás empresas instaladas que proporcionará espazos complementarios como oficinas, salas, auditorio, servizo de restauración, cafetería e outros.
Proxecto ambicioso
O proxecto que Supermercados Froiz vai desenvolver en Barro-Meis instalarase nun espazo de 73.394 metros cadrados de terreo onde, tal e como indicou Magín Froiz, se creará inicialmente “unha nave de 24.000 metros cadrados de sala de venta, destinada a traballar e acomodar as mercacicancías con calidade e espazo” así como unha área para acoller a “flota potente de camións” que ten o grupo e que “vai ocupar o fronte da parcela” de forma que os vehículos estean protexidos.
En total, máis de 500 persoas traballarán nestas primeiras instalacións. Pero o proxecto de Magín Froiz é moito máis ambicioso e contempla “a creación dunha Gardería infantil para a nosa xente, para os traballadores” e un comedor para os empregados, unha estación de autoservizo propio e unha estruxadora de cartón, entre outras instalacións.
Estes novos servizos precisarían de persoal que se sumaría aos máis de 500 xa previstos para a plataforma de almacenamento, polo que os cálculos da empresa son que a posta en marcha das súas instalacións en Barro-Meis requirirá dunha ampliación do seu cadro de persoal actual de entre un 20 e un 30%.
Para completar o espazo, o obxectivo Froiz prevé a creación de amplas zonas verdes acondicionadas para lecer e descanso do persoal, “porque como a parcela é moi grande, tamén hai que disfrutar dela”. “Temos que pensar no futuro para facelo mellor como empresa e para que os traballadores estean mellor”, concluíu.
Finalmente, Rafael Louzán quixo agradecer o compromiso de Froiz -sinalando a súa identidade galega- e a súa aposta por Barro-Meis, agradecemento que fixo extensivo a Novas Rías e, en especial, ás empresas que levan anos xa asentadas neste polígono “e que foron as primeiras empresas que confiaron neste proxecto”.
Ademais, Louzán lembrou que desde o vindeiro mes de xaneiro de 2015, se abrirá un novo período para que outras empresas interesadas en instalarse en Barro-Meis poidan presentar as súas propostas. Este prazo permanecerá aberto durante todo o ano e as condicións serán as xa establecidas na convocatoria á que se presentaron Froiz e Novas Rías.

Deja un comentario