+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Tres semanas de actividades para celebrar o Nadal en Porriño


O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal de Porriño 2014, un programa pensado para todos os públicos que inclúe múltiples actividades lúdicas tanto na zona urbana coma en todas a parroquias

O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu a presentación da programación de Nadal de Porriño 2014, un programa pensado para todos os públicos que inclúe múltiples actividades lúdicas tanto na zona urbana coma en todas a parroquias.
O alcalde de Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Festejos, M.Alejandro Lorenzo, estiveron acompañados durante este acto pola directora do Obradoiro «Porremprego II», Mila Calviño, e pola titora deste, así como polos alumnos tanto do curso de «Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais» como do de «Limpeza de superficies e mobiliario de edificios e locais e Emprego doméstico»; e é que estes xogarán un papel esencial no nadal porriñesa deste ano.
Ao longo das próximas semanas, os alumnos-traballadores doobradoiro realizarán as súas prácticas poñendo en marcha diferentes actividades que farán que, dende os máis pequenos aos maiores, poidamos gozar en Porriño destas datas tan sinaladas.
O concelleiro de Festejos quixo resaltar «a colaboración de asociacións, entidades, clubs do municipio, así como dos centros educativos e as AMPAS como parte indispensable na confección do programa destas festas» e agradecer especialmente «o traballo, o esforzo e o cariño que puxeron nesta programación os verdadeiros protagonistas deste nadal en Porriño, os alumnos do obradoiro; un grupo de traballo e de amigos que van demostrar o importante traballo que están a realizar e que, estou seguro que será un referente noutros concellos».
Pola súa banda, o rexedor quixo sumarse tamén a este agradecemento, «como alcalde, síntome enormemente orgulloso e estou realmente emocionado e sorprendido polo que hoxe presentades, o poder de facer grandes cousas con poucos recursos ten un gran mérito e é voso». Nelson Santos quixo felicitar tamén «ao concelleiro de Festexos e ás concelleiras de Educación e Servizos Sociais, que co seu traballo e xestión fan posible un programa no que todos participan e cargado de actividades solidarias, a través do cal queremos levar a ilusión do Nadal a todos os veciños en xeral, pero máis especialmente aos nosos maiores, nenos e aquelas persoas máis desfavorecidas, que son os colectivos cos que existe unha maior sensibilidade». O alcalde recordou o adiantamento no arranque da iluminación «co obxectivo de ambientar e motivar os porriñeses nesta época tan especial, incentivando ademais o comercio local e a hostalaría,».

Porriño volverá adiantar a entrada do novo ano

O «Fin de ano Farrapeiro» a xornada anterior a Noite vella será un dos actos centrais, xunto á música das tunas e a visitas de PapáNoel, os paxes reais e os Reis Magos, tan esperadas polos nenos. A programación do Nadal daba hoxe o seu pistoletazo de saída coa visita aos centros escolares, gardarías e centro de día dos Paxes Reais que recolleron os desexos de todos os nenos do noso municipio.
Este mesmo sábado comezará en Torneiros e Budiño o programa de tunas que levará a estas agrupacións de Pontellas e Atios a actuar en todas as parroquias, e que terá o seu punto álxido o xoves, día 1, cando o Polideportivo municipal acolla a XII Mostra de Rondallas.
Neste Nadal non faltará a animación de rúa; talleres, música e espectáculos para todos os públicos pero especialmente para os máis pequenos da casa. Este venres as rúas da nosa localidade acollerán o espectáculo Musical Infantil «As Pamisuky» con trenchu-chú, o sábado 20 «Ás Maimiñas» actuarán no Círculo Recreativo Cultural para os máis pequenos, o sábado 3 serán os Lunnis que actuarán no Polideportivo municipal e o domingo 4, Maxín Branco ofrecerá o seu espectáculo musical «Cantigas dá Estrela» no Círculo Recreativo Cultural.

O prato forte será o martes 30, cando, como se vén facendo os últimos anos, adiantaremos o fin de ano celebrando o Fin de Ano Farrapeiro. Dende as 10:00 horas haberá talleres cos máis pequenos na praza do Concello, e ás 12:00 horas, o coñecido veciño de Porriño Cuquín, vestido de Rafaella Carrá e acompañado pola Banda de Cornetas Ría de Vigo, lerá o pregón oficial do Fin de ano Farrapeiro. Ás 12:15, os nenos dos colexios sorprenderán a todos co seu Flash Move para dar paso á Inauguración oficial dasRúas Farrapeiras. Xa pola tarde, encontro de Playacks das diferentes asociacións culturais, sesión Karaoke e ás 21:00 horas, concerto Remember Band «Movida Porriñesa». O fin de ano chegará anticipadamente pola noite cando as tunas de Pontellas e Atios coa súa actuación polas rúas do centro do noso municipio anuncien a despedida do ano con uvas e badaladas ás 23:50 horas fronte ao edificio do Concello. Non faltará a música nesta noite de celebración, tras as badaladas verbena a cargo da orquestra Olympus e ás 3:00 horas, actuación musical de Juanjo Martín»Traffic House» e os locais Groove Amigos.
E coa entrada do 2015 proseguirá o programa, que culminará coa gran Cabalgata de Reis o día 5 e cunha Festa Infantil de despedida deste Nadal como broche final.

Deja un comentario