+034 986 09 02 04 Venres 20 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Goberno de Carmela Silva aproba destinar 3 millóns de euros para 20 proxectos en 13 concellos da provincia


Baiona, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e O Porriño recibirán máis de 1,1 millóns de euros ao abeiro da liña 1 do  “Plan Concellos 2017”

O goberno de Carmela Silva aprobou destinar preto de tres millóns de euros para levar a cabo vinte proxectos e investimentos en trece concellos da provincia de Pontevedra. Baiona, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Mondariz-Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, O Porriño, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa serán os beneficiarios destas achegas enmarcadas na liña 1, investimentos, do “Plan Concellos 2017”. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de 10.631.582,03€ da liña 1 do Plan Concellos, é dicir, o 41,29% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 25.750.000 €”.

En concreto, aprobáronse achegas por valor de 1.159.549,35 € para que os concellos de Baiona, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e o Porriño poidan, entre outras cuestións, renovar o céspede artificial das súas instalacións deportivas, mellorar pistas de atletismo, impulsar novas zonas verdes, ampliar a rede de saneamentos dos núcleos urbanos e rurais así como pavimentar camiños e rúas.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que O Porriño se beneficiará dunha achega de 700.905,12€ a través da cal se mellorará o saneamento en Costeira e Lameira e a pavimentación de Madorras, Costeira, Vitureira e Lameira. Tamén a través destas axudas aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra se substituirá o céspede do C.F. Atios. Con estes proxectos e os xa aprobados ata o momento, O Porriño, tal e como manifestou Silva, ten xa o 66,61% do Plan Concellos adxudicado.

No caso de Baiona as achegas ascenden a 265.450,41€ a través dos cales o concello vai renovar o céspede artificial e a pista de atletismo na instalación municipal deportiva do Aral. Silva informou, ao respecto, que ata o momento Baiona ten aprobado o 63,38% do orzamento correspondente ao Plan Concellos deste ano.

Pola súa banda a Deputación de Pontevedra destinará 79.999,17€ ao concello de Mondariz-Balneario para que poida impulsar o proxecto de zona verde no entorno do Gran Hotel da vila. Con esta achega e as xa aprobadas ata o momento, o concello ten o 60% do Plan Concellos deste ano adxudicado.

En canto a Pazos de Borbén, o goberno de Carmela Silva aprobou axudas por valor de 112.194,66€ para a ampliación da rede de saneamento nos tramos que van dende o 11 ao 15 en Masusan. Este concello, tal e como informou a Presidenta da Deputación, ten o 65,82% do Plan Concellos aprobado.

LIÑA 2
O goberno de Carmela Silva aproba tamén axudas por valor de 629.884,60 € para que 16 concellos poidan levar a cabo amortizacións, pagamento de débedas e gasto corrente así como gastos derivados da realización de actividades culturais,deportivas ou sociais ao abeiro da liña 2. En concreto, beneficiaranse destas achegas Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Meis, Mondariz, As Neves, Oia, Ponte Caldelas, Pontecesures, Sanxenxo, Soutomaior, Tui, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de case tres millóns de euros da liña 2 do Plan Concellos, é dicir, preto do 50% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 6.180.000 €”.

Máis polo miúdo, tal e como informou Silva, os concellos de Gondomar, Mondariz e As Neves recibirán 35.884,16 €. A Deputación de Pontevedra achegará 12.826,15 € a Gondomar para o taller da memoria para maiores, para a II Gala do deporte e para un programa de cinema. Pola súa banda, Mondariz beneficiarase de 16.810,78 € para a Feira do pan, a II Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, Primavera e Son, festas infantís con inchables, cine de verán na rúa e a feira dos oficios artesáns. No caso das Neves, a Deputación achegará 6.247,23 € para o proxecto de posta en valor dos recursos turísticos do concello.

Deja un comentario