+034 986 09 02 04 Luns 20 de Agosto de 2018

O Consello da Xunta autoriza a aceptación do Centro de Saúde de Forcarei


Trátase do primeiro do grupo de 18 centros de saúde dos cales o Sergas asumirá os gastos
O Consello da Xunta autorizou esta mañá a aceptación da cesión do terreo e o inmoble do centro de saúde de Forcarei, feita a título gratuíto polo Concello de Forcarei (Pontevedra), a favor do Servizo Galego de Saúde.

Trátase do primeiro do grupo de 18 centros de saúde dos cales o Sergas anunciou hai unhas semanas a asunción dos seus custos de mantemento. Ademais de Forcarei, están os centros de saúde da Laracha, Laxe, Présaras (Vilasantar), As Pontes, Mugardos, Folgoso do Courel, Meira, Xove, A Peroxa, Anafáns (Poio), Ribadumia, Mondariz, Chapela (Redondela), Boiro, Brión, Silleda e Touro. Esta transferencia suporá un custo anual de preto dun millóns de euros para a Xunta de Galicia.

Estes centros de saúde súmanse aos 49 centros cedidos xa á Comunidade Autónoma no eido do Pacto Local.

O proceso de asunción é en todo caso voluntario para os concellos, que previamente asinan uns convenios nos que se establecen as bases da cooperación co Sergas para “a cesión da propiedade do centro de saúde do que é titular o dito concello, ao Servizo Galego de Saúde e para a asunción, por parte deste organismo, dos gastos de mantemento do mesmo”.

O concello comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial do centro de saúde libre de cargas e gravames así como a aprobar determinadas exencións e bonificacións fiscais, e o Servizo Galego de Saúde acepta a cesión do inmoble e comprométese a asumir os gasto de mantemento.

Cómpre destacar que a asunción de obrigas de contido económico para o Servizo Galego de Saúdexurde no momento en que se eleve a escritura pública a cesión da titularidade dos centros ao Servizo Galego de Saúde.

Pacto Local
Entre as actuacións recollidas no Pacto Local, acordo asinado en xaneiro de 2006 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), atópase a asunción pola Comunidade Autónoma dos custos de mantemento dos centros de saúde a cargo dos concellos.
Isto concretouse nun Protocolo formalizado en decembro de 2008 entre a Consellería de Sanidade e a FEGAMP sobre asunción dos gastos de mantemento dos centros de saúde, no que se establece o procedemento a seguir para a cesión da propiedade -voluntaria para os municipios- das devanditas instalacións ao Servizo Galego de Saúde.

Deja un comentario