+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Pazos de Borbén presenta a súa primeira Copa Mini BTT


A iniciativa está organizada pola Escola de Ciclismo Redondela e conta co apoio da comunidade de Montes de Amoedo e ASPAVI

O Concello de Pazos de Borbén acaba de presentar a primeira copa Mini BTT que se realizará na parroquia de Amoedo o 17 deste mes. Unha proba ciclista totalmente nova no concello e que nace co obxectivo de crear unha comunidade de afeccionados a este deporte no municipio. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas, e o Concelleiro de Deportes, Fran Amoedo, presentaron o evento acompañado do equipo ciclista organizador, a Escola de Ciclismo Redondela.
A organización deste I Campionato de mini BTT forma parte do plan de apoio ao deporte local do Concello de Pazos de Borbén, que nesta ocasión ten na figura do novo campión local, Xián Alvariño, ao seu gran referente nesta especialidade. “O obxectivo ideal sería a consolidación dun grupo de afeccionados ao BTT en Pazos de Borbén. Agora dispoñemos dunha pista na que poder adestrar e un novo campión que nos inspira a todos. Hai que aproveitalo”, afirmou o adestrador, Carlos Caamaño.
A proba reunirá a máis de 400 mozos ciclistas, de 5 a 14 anos, que competirán en representación de case 30 equipos de toda Galicia e o norte de Portugal. A competición dividirase en 5 categorías nas que se disputa esta proba e ademais dos puntos acumulables para o campionato galego da especialidade, os campións de cada categoría recibirán uns premios conmemorativos desta primeira proba, trofeos que foron doados pola organización ASPAVI.
Novo circuíto en Amoedo
Para a realización desta proba, e en colaboración coa Comunidade de Montes, deseñouse a construción de tres circuítos para as diferentes categorías nos arredores do campo de fútbol de Amoedo. En total destináronse case 6.000 metros cadrados á instalación das tres pistas, que entre as tres sumarán case 2 quilómetros de lonxitude.
Segundo a organización, a pista principal, na que se disputará a categoría infantil e que se converterá en circuíto permanente, ten unha dificultade media e unha lonxitude de 1.500 metros, cun pequeno repecho e diferentes obstáculos. As outras dúas pistas, nas que se disputarán as probas de prebenjamines, promesas, principiantes e alevíns, situaranse na chaira do campo de fútbol e a súa localización é provisional ata a finalización do campionato.
Campus de BTT en xuño
O apoio do goberno local a este deporte minoritario non conclúe tras a celebración deste campionato xa que a iniciativa pretende que o circuíto construído para esta ocasión teña un uso permanente a través de diversas accións que fomenten a práctica desta disciplina entre a mocidade do municipio. Entre estas accións está o campus de BTT que organizarán deforma conxunta a EC de Redondela e o Concello de Pazos de Borbén o próximo mes de xullo.
“A idea é que os rapaces poidan probar este deporte, e se lles gusta poder darlle unha oportunidade de practicalo. Se se xuntan suficientes mesmo se podería chegar a montar un equipo propio”, afirmou o concelleiro de deportes, Fran Amoedo.

Deja un comentario