+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018

O Servizo de Prevención de Drogodependencia do concello do Porriño inicia este martes distintas intervencións nos institutos de ensino secundario Ribeira do Louro e Pino Manso


Dende o Servizo de Prevención da Drogodependencia do Concello do Porriño vense de detectar a necesidade de prevención en idades cada día máis temperás, polo cal aposta por traballar as habilidades sociais, o autoconcepto e os hábitos saudábeis na adolescencia.
Porén, ao longo deste terceiro trimestre do curso escolar vanse impulsar distintas intervencións nos IES Ribeira do Louro e Pino Manso co obxectivo principal de proporcionar mecanismo que fomenten a creación de habilidades sociais, a asertividade e a prevención en eidos de presión de grupo.
Segundo subliña o Servizo de Prevención da Drogodependencia, dependente da Concellería de Benestar Social,que dirixe Soledad Girón, as dinámicas pretenden fortalecer a auto-estima, individual e colectiva, e o mantemento dun bo “clima de grupo”.
Todo este traballo farase por medio de técnicas de participación e teatro, salientando feitos coma o de dar a coñecer as emocións e a expresión das mesmas, tratando hábitos saudábeis para reducir riscos e amosando a importancia das habilidades sociais coma ferramentas de mellora nas relacións.
Este proxecto é parte do Programa de Prevención Universal de Consumo de Drogas no eido escolar, da Xunta de Galicia, que coordina tamén para os concellos de Mos e de Salceda de Caselas, nos que se están a levar, así mesmo, distintas iniciativas.
A primeira das intervencións, no concello do Porriño, será a que se realice este martes, ás 08:45 horas no IES Pino Manso, e nela estarán presentes a propia Soledad Girón e a concelleira de Educación, Lourdes Moure.

Deja un comentario