+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

Un novo parque para facer deporte ao aire libre amplía as zonas verdes habilitadas e melloradas polo Concello de Mos


Trátase do parque de Arrufana-Santiaguiño, en pleno Camiño de Santiago, dotado de 13 elementos de adestramento deportivo ademais de mesas, bancos, papeleiras e unha pérgola

O Concello de Mos conta cun novo parque en Arrufana-Santiaguiño, na parroquia de Guizán, que amplía o número de espazos verdes municipais nos que nos mosenses poden facer actividades e pasar o seu tempo de lecer ao aire libre.

No caso do parque de Arrufana-Santiaguiño, trátase dun parque deportivo de adestramento dirixido a tódalas idades, dotado de 13 elementos de adestramento para realizar diferentes prácticas deportivas. Ademais destes 13 elementos instaláronse no parque unha pérgola e mesas, bancos e papeleiras; para que ademais de facer exercizo quen queira poida descansar, xogar ás cartas, etc. Deste xeito habilitouse esta zona como espazo de recreo tanto para os usuarios máis activos coma para os que busquen un entorno de relax e descanso.

Ademais o novo parque de Arrufana-Santiaguiño ten o aliciente de que se atopa ubicado xunto ao Camiño de Santiago, ao carón tamén do Miliario do Santiaguiño; unha zona que ademais de ter atractivo natural ten tamén un particular encanto histórico, patrimonial, cultural e turístico.

Todos os elementos cos que se dotou este parque están construídos de madeira e aceiro, co fin de embelecer e integrarse no contorno no que se atopa situado. Os devanditos elementos foron realizados polos alumnos-traballadores da especialidade de carpintería do Obradoiro Municipal de Emprego ‘ConciliaMos’.

Ademais neste parque instalouse tamén un dispositivo para tirar os excrementos dos cans que sexan por alí paseados polos seus donos, en aras de facilitar a convivencia entre espazos verdes e animais domésticos e que os segundos poidan gozar dos primeiros sen que estes perdan hixiene nin vexan deteriorado o seu estado de conservación. Ademais de no parque de Arrufana-Santiaguiño, estes dispositivos instalaranse tamén noutras 24 zonas verdes urbanas nas que os veciños e veciñas pasean cos seus animais de compañía e entre as que se atopan o Campo da Feira en Puxeiros, a urbanización de San Rafael, o Parque de Torroso, a Porteliña, o Paseo do Louro, San Eleuterio, o Parque de Sanguiñeda, o Parque de Arrufana, o Parque da Lagoa en Cela, Costoias e o Parque da Igrexa en Dornelas. Dende o Concello solicítase a todos os e as mosenses que fagan uso destes dispositivos e contribúan a mantelos en perfecto estado.

Precisamente no novo parque de Arrufana-Santiaguiño tivo lugar recentemente a presentación do programa deportivo Actívate no Verán na que estiveron presentes, ademais dos monitores que impartirán as actividades deportivas, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Julia Loureiro, concelleira de Medio Ambiente e Kely Monzón, concelleira de Educación e Participación Cidadá.

As actividades incluídas neste programa deron comezo o pasado martes 2 de maio, data na que se iniciaron as clases de Zumba ao aire libre. O curso de zumba desenvolverase duranre os meses de maio, xuño e xullo todos os martes e xoves en horario de 21:00 horas a 22:00 horas no parque de Costoias, na parroquia de Tameiga. Esta actividade vai dirixida á poboación en xeral e para participar non é necesiaria inscrición previa.

Por outra banda impartiranse cursiños de natación ao aire libre para os máis cativos durante os meses de xullo e agosto na Piscina de San Eleuterio. As clases impartiranse todos os martes e xoves en horario de 11:45 horas a 12:30 horas e irán dirixidas a nenos e nenas de 4 a 14 anos de idade. Nestes cursiño sí é necesario inscrición previa que poderá realizarse do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello, xa que as prazas dispoñibles son limitadas.

Tamén se impartirán clases de ximnasia na auga durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral. As sesións celebraranse tamén os martes e xoves, en horario de 11:00 horas a 11:45 horas na piscina ao aire libre de San Eleuterio. As prazas tamén son limitadas e a inscrición previa poderá realizarse do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello.

Outra das iniciativas incluídas neste programa son andainas e outras actividades deportivas a desenvolver tamén durante os meses de xullo e agosto e dirixidas á poboación en xeral. Realizaranse os mércores e venres a partir das 10 da mañá nos diferentes parques do municipio comezando polo parque de Torroso. As inscricións deberán ser formalizadas do 5 ao 23 de xuño na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro ou no Rexistro do Concello.

Os representantes municipais explicaron durante a presentación que “Actívate no Verán foi ideado e deseñado como un programa deportivo alternativo dotado de actividades na piscina de San Eleuterio tales coma ximnasia na auga adaptada a tódalas idades, cursiños de natación para nenos/as e, nos distintos parques biosaudables existentes no Concello de Mos, clases dirixidas e titorizadas impartidas empregando os diferentes elementos destes parques, así coma a realización de andainas colectivas aproveitandos os diversos sendeiros e sendas existentes no termo municipal mosense para darlle continuidade ao longo da tempada estival ao programa deportivo Exercítate, dirixido á terceira idade, que se imparte de setembro a xuño”.

Máis actividades incluídas en Actívate no Verán

Dentro deste programa organízanse tamén o VI Campionato de Natación Escolar Val da Louriña, a Marcha BTT Concello de Mos, o II Trofeo de Patinaxe Rosaleira Vila de Mos, o Trofeo de Fútbol Juan Estévez ‘Nené’, a I Carreira Popular Nocturna Festa da Rosa e o Campus Infantil do Real Club Celta.

O VI Campionato de Natacion Escolar Val da Louriña celebrarase o vindeiro 6 de maio a partir das 17:00 horas na Piscina Municipal.

A Marcha BTT será o 7 de maio a partir das 09:30 horas da mañá no Pavillón Óscar Pereiro.

A Exhibición das Escolas de Patinaxe de Mos no Pavillón Óscar Pereiro será o día 21 de maio, domingo.

O II Trofeo de Patinaxe Rosaleira “Vila de Mos” terá lugar os días 27 e 28 de maio no Pavillón Óscar Pereiro.

O Trofeo de Fútbol Juan Estévez ‘Nené’ disputarase os días 17 e 18 de xuño no Campo de Fútbol das Baloutas.

A I Carreira Popular Nocturna Festa da Rosa celebrarase o sábado 24 de xuño con saída do Pavillón Óscar Pereiro ás 20:00 horas.

Por último o Campus do Real Club Celta impartirase no Campo de Fútbol das Baloutas durante a semana do 26 ao 30 de xuño.

Deja un comentario