+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

A Casa do Pobo de Vilarchán loce un novo aspecto con inspiración brasileira


Os interiores foron pintados de verde e amarelo, despois dun tratamento para eliminar os “desconchóns” e as humidades
Os veciños de Vilarchán xa poden gozar do novo aspecto que presenta o primeiro andar da Casa do Pobo. O Concello rematou as obras de reparación e optou por darlle un novo e máis lucido aspecto coas cores da bandeira de Brasil.
O alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro Manuel Barreiro, en nome de todo o Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, visitaron unhas obras desenvolvidas durante os últimos días, a resultas da petición formulada polos veciños.
O traballo consistiu no raspado de todas as partes deterioradas, onde a pintura tiña saltado, así como tratar algunhas humidades. Despois da aplicación dun emplastecido pintáronse as paredes e o teito, cun resultado visual moi agradable.
O Concello aceptou as suxestións para pintar dunha cor distinta ao branco, que quedou reservado ao teito. Deste xeito, en homenaxe aos moitos emigrantes a Brasil que hai nesta parroquia, decidiuse por pintar en cores verde e amarela.
As Casas do Pobo, que son un sinal moi distintivo de Ponte Caldelas, están sendo obxecto de melloras dende o comezo deste mandato para mantelas en perfectas condicións. Unha parte da actividade municipal, como sucede ao longo deste mes de maio coas degustacións previas á Festa da Troita, transcorre nestas instalacións, verdadeiros epicentros da vida social dos diferentes núcleos e parroquias.

Deja un comentario