+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Conservatorios, Concellos e Deputación reclaman a financiación á Xunta para os centros musicais


Instan á Xunta de Galicia a que convoque con urxencia unha comisión coa participación da FEGAMP, das Deputacións e da administración autonómica

Os directores dos conservatorios musicais da provincia de Pontevedra, os representantes dos concellos, o deputado de Cultura, Xosé Leal, e a Presidenta da Deputación, Carmela Silva coincidiron hoxe en reclamar a necesidade de que a Xunta de Galicia asuma a financiación destes centros de ensinanzas regradas.

Así puxeron de manifesto na xuntanza celebrada hoxe na Deputación de Pontevedra na que participaron os directores dos conservatorios musicais de Ponteareas, Cangas, Redondela, Vilagarcía, Tui e Lalín, e concelleiros e concelleiras destas localidades e o alcalde de Ponteareas. Nesta xuntanza, na que so faltou o representante de A Estrada, manifestouse que os concellos están a asumir a financiación dunha ensinanza regrada que outorga título de grao medio en estudios musicais, cando é unha competencia directa da Xunta de Galicia.

Os representantes municipais destacaron que esta asunción de competencias provoca un déficit económico nas arcas municipais ademais dun agravio comparativo entre o que pagan as familias nos conservatorios dependentes da Consellería de Cultura.

Todos os asistentes asumiron que este mesmo encontro celebrado coa Deputación de Pontevedra vai ser solicitado nas outras deputacións provinciais para posteriormente celebrar unha reunión conxunta dos vinte conservatorios musicais de toda Galicia, os concellos afectados e as catro deputacións, que segundo manifestou Carmela Silva non debería “celebrarse máis aló do mes de xullo”.

Deja un comentario