+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019

A Estratexia de inclusión social contará cun investimento de máis de 520 millóns


Esta estratexia conta cun investimento un 126 por cento superior ao consignado no anterior plan, dotado con 230 millóns

Tal e como xa anunciara no Parlamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación da Estratexia de inclusión social, unha folla de ruta na materia que desenvolve o establecido na Lei de inclusión social.

Feijóo lembrou que hai un mes elaborábase o primeiro borrador desta iniciativa, cuns obxectivos prioritarios: a loita contra a pobreza infantil; a redución das consecuencias da exclusión territorial; un novo pulo á inserción no mercado laboral; e unha aposta pola prevención nos casos de especial vulnerabilidade. E para a consecución destes obxectivos actuarase de xeito transversal con actuacións específicas destinadas a familias en situación de especial vulnerabilidade, promovendo a participación cada vez con máis intensidade das entidades de iniciativa social; consolidando e mellorando os procesos de coordinación entre a Administración e estas entidades; atendendo de xeito específico factores de exclusión social de determinados grupos de poboación; favorecendo a inserción laboral e mellorando o acceso a vivenda; e promovendo o acceso á educación e á formación.

“Grandes eixos que se traducen en medidas concretas que xa comentabamos no seu dia, como: a proposta de acondicionar e reformar, con fondos europeos, as infraestruturas destinadas a servizos de atención de necesidades básicas, como comedores sociais ou albergues; introducir nos proxectos de inserción módulos formativos de motivación e acompañamento das persoas e as súas familias para apoiar os procesos de integración social e laboral; ou crear unha bolsa de horas para a realización de accións de mediación intercultural co colectivo inmigrante e con minorías étnicas nos ámbitos clave como a sanidade ou a vivenda”, engadiu.

Tras un mes de intenso diálogo, o titular da Xunta subliñou que o texto tense enriquecido de xeito salientable coas suxestións e alegacións aportadas polas entidades sociais. Así, grazas a estas achegas, a estratexia contará finalmente con 22 medidas a maiores, facendo un total de 316.

Entre as novas medias, Feijóo destacou o apoio á mellora das capacidades básicas e as competencias clave da poboación adulta, incluídas as persoas inmigrantes; a potenciación da formación dual adaptada ás necesidades de contratación dos sectores produtivos galegos; e reforzar as medidas de apoio dirixidas ás familias monoparentais.

No eido da vivenda, o responsable do Goberno galego afirmou que se habilitarán vivendas de titularidade da Xunta como vivendas de carácter asistencial; ou recursos de aloxamento transitorio que permitan o desenvolvemento de programas de acompañamento integral para persoas sen vivenda.

Así mesmo, facilitaranse axudas extraordinarias aos emigrantes galegos retornados en situación de especial vulnerabilidade.

Para poñer en marcha todas estas medidas, o plan contará cun orzamento mínimo de 522 millóns de euros, que podería ampliarse e que supón un investimento un 126 por cento superior ao consignado no anterior plan dotado con 230 millóns. “En resumo, aprobamos hoxe unha auténtica folla de ruta pola inclusión social, con 300 medidas e un orzamento de 522 millóns de euros”, concluíu Feijóo.

Esta estratexia desenvolverase en tres plans operativos –cada un deles cunha duración de dous anos-; e as dúas partes máis importantes serán as rendas de inclusión social e programas de fomento de contratación de persoas en risco de exclusión, cunha partida de 400 millóns. “Polo tanto, imos seguir destinando diñeiro a rendas de inclusión social e imos investir case 70 millóns no que se refire a contratación de persoas en risco de exclusión”, dixo.

No eido das axudas de inclusión social destacou que se destinarán 31 millóns de euros; 15 millóns de euros para accións específicas de inclusión social, e 19 millóns para programas específicos de inclusión social realizados directamente polas entidades de iniciativa social.

Deja un comentario