+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O goberno de Carmela Silva destina máis de 135.000 euros a catro vilas do sur da provincia ao abeiro do “Plan Concellos 2017”


 

Gondomar, Ponteareas, O Rosal e Salvaterra de Miño reciben estas achegas destinadas ao financiamento de investimentos, gastos correntes e diversas actividades

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe destinar preto de dun millón de euros para levar a cabo a mellora do alumeado exterior e das vías municipais de cinco concellos da provincia de Pontevedra. Deste xeito, os concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Salvaterra de Miño e Vilaboa son os beneficiarios dunhas achegas enmarcadas na liña 1, investimentos, do “Plan Concellos 2017” e que ascenden a unha cantidade total de 892.160,93 €. A Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que “con esta nova relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de 11.523.742,96 € da liña 1 do Plan Concellos, é dicir, o 44,75% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 25.750.000 €”.

No caso de Salvaterra de Miño, esta vila recibe unha achega situada en 68.187,07 € con destino á pavimentación de pistas municipais en Alxén-Seganosa (que implicará a limpeza de marxes e cunetas nunha extensión de 494 metros e a instalación de 2.245 m2 de capa de rodamento), Campo da Feira (para o que tamén se limparán as marxes e cunetas en 404 metros divididos en dous ramais, a instalación de 1.332 m2 de capa de rodamento, tubaxes para drenaxes e reforzo de formigón, entre outras accións) e en Pista da Igrexa (cunha actuación en 382 metros e a instalación de 1730 m2 de capa de rodamento). Carmela Silva sinalou que Salvaterra xa recibiu o 53% do que ten asignado este ano ao abeiro do “Plan Concellos 2017”, isto é, un investimento de preto de 380.000 euros.

300.000 € para oito concellos ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2017”
O Goberno provincial de Carmela Silva aprobou tamén hoxe outras axudas por valor de 290.703,65 €, ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2017”, que permitirán a oito vilas da provincia de Pontevedra levar a cabo amortizacións, pagamento de débedas e gasto corrente así como gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais. En concreto, beneficiaranse destas achegas Cuntis, Gondomar, O Grove, Lalín, Ponteareas, Ribadumia, O Rosal e Vilagarcía de Arousa. Carmela Silva subliñou que “con esta relación levamos xa aprobados investimentos para os concellos da provincia por valor de máis de 3,2 millóns de euros da liña 2 do Plan Concellos”. Isto representa, sinalou a Presidenta provincial, “máis do 52% do total correspondente a esta liña, que este ano ascende a 6.180.000 €”.

En concreto, Carmela Silva informou dos investimentos aprobados en Gondomar, Ponteareas e O Rosal, que ascenden a un total de 67.614,63 euros. En concreto, Gondomar recibe unha achega de 11.760 € para o financiamento da proba monográfica Real CEPPA Galicia, para o 400 aniversario do Conde de Gondomar, a Festa da Empanada e Tapas do Conde e a gravación dun vídeo promocional de turismo. No caso de Ponteareas, 29.353,73 € para gasto corrente novo que permitirán ao concello realizar obras de sinalización e repintado nas rúas do casco urbano. Por último, 26.500 euros para O Rosal destinados á Mostra da Camelia, a festa popular do Pilar, a Feira do Viño e a Festa do Cabaqueiro.

A achega total que reciben os concellos de Gondomar, Ponteareas, O Rosal e Salvaterra de Miño esta semana ao abeiro do “Plan Concellos 2017” ascende a 135.801,70 euros.

Deja un comentario