+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación inicia este luns a reposición das xuntas de dilatación da ponte de Catoira no treito pontevedrés


O Departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez investirá máis 35.000 euros na mellora

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez, iniciará este luns as obras de reposición e mellora das xuntas de dilatación da ponte de Catoira no treito pontevedrés. Esta actuación, que ten un orzamento de 35.227,15 euros, completará as actuacións realizadas nas últimas semanas no viaduto por parte da administración provincial de A Coruña.
Segundo indican os técnicos do departamento de Mobilidade pontevedrés, a actuación consistirá na reposición de 19 xuntas de dilatación nos 820 metros da ponte que coinciden coa finalización da estrada provincial EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira. As xuntas serán de diferentes tipos en función da súa ubicación, coincidindo cos estribos, e a necesidade de máis ou menos largo de dilatación: 16 de tipo elastoplástico, para movementos de ata 3,5 centímetros, e tres de neopreno armado, para movementos de ata 5 centímetros.
O obxecto da mellora é reforzar a seguranza viaria na estrada no treito no que a Deputación de Pontevedra ten competencia sobre a infraestrutura, xa que o deterioro das xuntas é visible e pode supoñer un perigo para a circulación de vehículos. Os traballos, previstos inicialmente para despois da Semana Santa, tiveron que adiarse por cuestións burocráticas coa empresa adxudicataria, así como pola obtención dos permisos de Tráfico.
Dado que se trata dunha zona de moito tránsito rodado, incluso de grande tonelaxe, será precisa unha regulación específica do tráfico, facendo un paso alternativo regulado por semáforos. Prevese que a actuación estea finalizada aproximadamente en seis semanas.
Hai que lembrar que esta actuación de mantemento e seguridade da ponte ten como obxectivo a súa conservación, se ben a intención tanto da Deputación de Pontevedra como da Deputación da Coruña é acadar que a Xunta de Galicia se faga cargo do viaduto, que dá servizo a estradas estatais, á autoestrada e a autovías autonómicas. Esta petición foi trasladada pola presidenta e o vicepresidente provinciais no mes de febreiro ao presidente Núñez Feijóo no encontro mantido en San Caetano.

Deja un comentario