+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xaneiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Escolares do CEIP Florida de Sanxenxo coñecen a ‘vida interior’ dos composteiros


Os rapaces e rapazas do centro xa puxeron en marcha o seu propio composteiro e visitaron o centro de compostaxe comunitario instalado pola Deputación

‘Quen vive aí?’ foi o título da actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza na que hoxe participaron os alumnos e alumnas de Infantil do CEIP Florida de Sanxenxo. As pequenas e os pequenos descubriron a ‘vida interior’ dos composteiros identificando os invertebrados que habitan nos centros de compostaxe e que participan activamente na descomposición dos restos orgánicos, sendo parte fundamental do proceso para obter un bo compost.

Esta actividade de identificar os vermes realizouse analizando diferentes mostras de compost (en varios estados de maduración) que os monitores do CEIDA achegaron ata o centro. Alí, os nenos e nenas puideron estudar facilmente os distintos tipos de bichos coa axuda de sinxelos capturadores de fauna –collendo eles mesmos os animais-, e observándoos con material de aumento.

En total foron 168 rapaces e rapazas de Educación Primaria do CEIP A Florida de Sanxenxo os que veñen participando dende hai meses nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender de xeito lúdico en que consiste a compostaxe. Para os alumnos máis maiores (118) foi a charla ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Os máis pequenos (1º e 2º) participaron nos diferentes xogos programados, entre os que destacou o ‘Xogo da miñoca’, unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolveron preguntas sobre como acadar un bo compost. Despois, todos os rapaces e rapazas porán en marcha un composteiro e, finalmente realizaron unha visita ao centro de compostaxe comunitario que a Deputación instalou en Sanxenxo.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

A Deputación, de feito, está a traballar no Plan Revitaliza potenciando a compostaxe como sistema de xestión alternativo para o lixo orgánico. Ata o de agora repartíronse composteiros comunitarios entre varios concellos de xeito demostrativo que están a funcionar con éxito. En breve empezarán a instalarse outros grazas nos concellos adheridos á segunda fase do Plan. Esta iniciativa cambiará a división de colectores do lixo e posibilitará que, de forma sistemática, todos os orgánicos vaian ao composteiro e o resto ao colector amarelo de envases, ao azul de papel e ao verde de vidro, eliminando así o colector verde.

Deja un comentario