+034 986 09 02 04 Martes 23 de Outubro de 2018

Soutomaior celebra a súa 5ª mesa de coordinación para a atención integral a victimas de violencia de xénero


A cita centrouse na optimización dos protocolos de axuda ante unha posible victima de violencia machista
O Concello de Soutomaior continua coa súa loita contra a violencia machista. Para iso, o Centro de Información á Muller situado en Arcade celebrou esta pasada semana a súa quinta mesa de coordinación para a atención integral das vítimas de violencia de xénero. Unha cita interinstitucional que integra o ámbito educativo, sanitario, aos servizos sociais e aos corpos de seguridade para crear redes de traballo e sistemas de coordinación que axilicen e melloren a resposta fronte a esta secuela social.
A mesa contou coa participación do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, a edil de igualdade, Cristina González, a xefa da unidade que combate a violencia contra a muller, Mª Paz Pérez, técnicos de Soutomaior e Pazos de Borbén e os representantes da Policía Local de Soutomaior e a Garda Civil de Moaña, Fornelos de Montes e Soutomaior.
O grupo de coordinación ten como obxectivo principal o perfeccionar esta ferramenta operativa na que están representados todos os ámbitos municipais para que tanto as rutas establecidas para a axuda ás vítimas, como todos os servizos e atencións ofrecidas no centro, sexan o máis efectivas e temperás posibles.
Para iso, parte de cita centrouse na revisión dos sistemas de actuación ante unha vítima de malos tratos a través das demandas detectadas polas técnicas durante o seu traballo diario, “son as que realmente están en contacto directo coas vítimas e saben mellor que ninguén os que é necesario”, afirmou a edil de igualdade, Cristina González, quen afirmou que “estas accións contribúen a acurtar as rutas críticas que percorren as mulleres vítimas de malos tratos ata conseguir axuda”.
Neste sentido o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou a importancia do tempo nas actuacións contra a violencia machista. “O máis importante é establecer contacto coas vítimas canto antes para poder axudalas. Neste caso o tempo non é ouro, é vida”, afirmou Reguera.

Deja un comentario