+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

O goberno de Carmela Silva achega 670.000 euros para novos investimentos en seis concellos da provincia


Con estas achegas, enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017, Agolada, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Moraña, Tomiño e Tui acometerán melloras en camiños municipais, na rede de saneamento e na urbanización de rúas

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a aprobación, na vindeira Xunta de Goberno da institución provincial, de novas achegas, por valor de 669.298,62 € ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2017”. En concreto, os concellos que se benefician destas axudas son Agolada, Cerdedo-Cotobade, a Guarda, Moraña, Tomiño e Tui que investirán na urbanización e mellora de camiños e rúas e na rede de saneamento.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque “con esta relación levamos xa aprobadas achegas para investimentos nos concellos da provincia por valor de máis de 13,3 millóns euros, é dicir, o 51,62% da liña 1 que este ano ascende a 25.750.000 €”. Tamén engadiu Silva a importancia destas achegas “que está a permitir, unha vez más, que os concellos poidan facer fronte ás súas competencias e impulsar novos investimentos e novos proxectos en beneficio das veciñas e veciños da provincia de Pontevedra”.

Máis polo miúdo, Agolada recibirá 166.563,78 € para a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de asfalto. Ata o momento, este concello dezano ten adxudicado o 77,03% do orzamento que lle corresponde ao “Plan Concellos 2017”.

Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade beneficiarase de 110.010,38 € para o saneamento, asfaltado, acondicionamento e pavimentación de camiños en Famelga, Pazos de Borela, Valongo e Vilanova. Con esta achega, Cerdedo-Cotobade ten o 87,29% do “Plan Concellos” adxudicado.

O goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar 160.216,68 e á Guarda para a urbanización da Rúa subida a San Amaro entre os números 1 e 12. Ata o momento, este concello ten adxudicado o 65,16% do orzamento que lle corresponde do “Plan Concellos 2017”.

No caso de Moraña, as achegas ascenden a 68.888,39 € que lle permitirán ao concello pavimentar viais e realizar acometidas de saneamento no lugar de Cosoirado. Con esta axuda, Moraña ten xa o 100% do Plan Concellos deste ano aprobado.

Tomiño recibirá 96.207,02 €, ao abeiro da liña 1 do plan, para acondicionar a estrada de Cristelos, no cruce de San Miguel e conexión co cemiterio de Barrantes. Ata o momento, este concello ten adxudicado o 62,94% do orzamento que lle corresponde do “Plan Concellos 2017”.

Pola súa banda, Tui beneficiarase de 67.412,37 € para a ordenación de rotondas e entornos no concello. Con esta axuda, Tui ten xa o 59,92% das achegas correspondentes ao Plan Concellos deste ano aprobadas.

O “Plan Concellos 2017” ten asignado para este ano unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada no ano anterior. Entre as súas tres liñas estratéxicas e dende xaneiro leva aprobados xa máis de 32 millóns de euros para os concellos da provincia, é dicir, o 77,68% do plan.

Deja un comentario