+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Pistoletazo de saída ás vistas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas cubertas


 

Unha trintena de nenos e nenas foron nomeados os primeiros “cabaleiros e cabaleiras” do Castelo e gañaron unha “encarnizada batalla” ós adultos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o interese amosado para participar nesta iniciativa que practicamente esgotou en dous días as entradas para as funcións de maio

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera e o deputado de Turismo, Santos Héctor, presidiron  a primeira visita teatralizada ao Castelo de Soutomaior deste 2017, unha iniciativa posta en marcha pola institución provincial o pasado ano e que se repite agora cun novo enfoque máis lúdico dirixido a toda a familia, e con todas as entradas esgotadas para esta primeira función. Ata 30 nenas e nenos, acompañados polas súas familias, puideron participar nesta primeira función, que mergullou aos e ás participantes “nunha divertida aventura a través da que coñeceron os segredos e historia deste monumento medieval e que fixo as delicias dos e das máis pequenas da casa”, segundo sinalou a presidenta.

Un bufón e un trobador medieval acompañado polo seu laúde, foron os encargados de guiar aos e ás visitantes polas diferentes estancias do castelo, onde as e os participantes puideron coñecer, a través de xogos e cancións, que tipo de comida se preparaba nos castelos, cales eran os cultivos daquela época ou quen foi a ilustre impulsora do feminismo María Vinyals, a “Marquesa Roxa”. Os máis pequenos e pequenas foron incluso retados a intentar liberar a un cabaleiro nos calabozos do castelo, e para conseguilo tiveron que pasar unha serie de probas que os e as conduciron ata a chave que abría a porta da súa celda.

Como broche final, os nenos e nenas foron agasallados pola súa fazaña co seu nomeamento como cabaleiros e cabaleiras do Castelo de Soutomaior. A visita rematou cunha pequena batalla de espadas e un baile conxunto , que foron os encargados de mergullar aos e ás participantes nunha divertida aventura a través da que coñeceron os segredos e historia deste monumento medieval

Outra das grandes novidades deste ano é que as entradas para as visitas poden adquirirse a través de internet en ataquilla.com. As entradas teñen un custo de 2€ por persoa e reducido de 1€ para os nenos e nanas, o que permitirá facilitar ás e aos visitantes os trámites e ter un mellor control do acceso público. En total ofreceranse 34 funcións de 45 minutos, catro máis que o ano pasado, para un máximo de 30 persoas por pase. As visitas deberán solicitarse como mínimo cunha semana de antelación á data prevista e non se poderán reservar máis de 5 prazas por persoa. Tan só uns días despois de anunciarse, as reservas van a tal ritmo que, na práctica, restan entradas soltas para os vindeiros dous meses

O calendario das visitas prolongarase ata o mes de setembro. A próxima función será o luns,día 29, ás 17:00 horas. En xuño serán o 1, 5, 8 e 12, ás 17:00 horas, e os días 19, 22, 26, e 29, ás 18:00 horas. En agosto terán lugar os días 3, 7, 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31, ás 18:00 horas. Por último, en setembro serán os días 4 e 7, ás 18:00 horas e os días 11, 14, 18, 21, 25 e 28, ás 17 horas.

Deja un comentario