+034 986 09 02 04 Luns 23 de Outubro de 2017

O C.P.I. de Panxón recibe a bandeira verde da sostibilidade que concede ADEAC


Este centro escolar de Nigrán convértese así no primeiro e único colexio de Galicia en ostentar este distintivo, un recoñecemento á súa política ambiental que ondeará durante os tres próximos anos

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, presidiu hoxe o acto de entrega da bandeira verde da sostibilidade ao C.P.I. de Panxón, unha distinción de ADEAC que se enmarca no programa Ecoescuelas, no que este centro escolar de Nigrán leva participando xa tres cursos académicos consecutivos. O acto contou coa participación da concelleira de Educación, María del Carmen Alonso-Macías, o Xefe Territorial de Educación, César Pérez, o Inspector Territorial, Fernando Carrasco, e o coordinador do programa Ecoescuelas en Galicia, José Manuel Fernández.

Este recoñecemento outorgado hoxe, e que ostentará os tres próximos anos, é froito do traballo e esforzo realizado pola comunidade educativa do centro na súa totalidade, de forma especial nos tres últimos anos, inculcando valores básicos de protección, respecto e coidado ambiental mentres se logra ademais unha maior eficiencia enerxética das instalacións, a través do programa Ecoescuelas.

Se ben o proxecto desenvolvido e traballado este ano, “Dá horta aoprato”, é polo que o C.P.I. de Panxón recibe o distintivo de ADEAC, os traballos realizados nos dous cursos académicos precedentes -versados na eficiencia enerxética, a reciclaxe e a produción de alimentos ecolóxicos coa instalación dun horto no recinto escolar- sentaron sen dúbida as bases para a obtención deste recoñecemento.

Colaboración do goberno local
Para a obtención deste recoñecemento, foi fundamental a implicación do goberno municipal nesta iniciativa, unha achega que responde á filosofía do goberno local, “que é introducir e potenciar a educación ambiental para o desenvolvemento sostible e a xestión e certificación ambiental nos centros escolares do municipio”, explicou o alcalde, Alberto Valverde.

O enfoque participativo do programa, cunha metodoloxía de aprendizaxe dende e para a acción, fan de Ecoescuelas un programa ideal para que os centros escolares traballen pola mellora do seu ámbito e da comunidade local, implicando non só ao alumnado, senón á totalidade da comunidade educativa do centro escolar, “cuestións que foron determinantes á hora de decidir avalar esta iniciativa, que sitúa ao CPI de Panxón como o único centro escolar de Galicia recoñecido con este distintivo”, conclúe Valverde.

Deja un comentario