+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

O máis relevante nestes dous anos foi a “crise de goberno” de Lores


“A parálise e a descoordinación, recoñecida por Lores, resumen estes dous anos de mandato”.

“A parálise e a descoordinación, recoñecida polo propio Lores, son as palabras coas que se resumen estes dous anos perdidos. Temos un Alcalde atrincheirado e un goberno máis preocupado pola sucesión de Lores que polos problemas dos nosos veciños”. O portavoz popular, Jacobo Moreira, fixo hoxe balance tras cumprirse dous anos das eleccións municipais. “Esperábamos que Lores fixese unha valoración ao chegar ao ecuador do mandato, pero lamentablemente esta queda resumida na crise de goberno que se destapou hai unhas semanas”, sinalou en declaracións aos medios, “non hai ningún plan que máis aló de anunciar e gastar cartos”.
“Gran parte das medidas para os primeiros 100 días de goberno continúan pendentes 731 días despois do 24M. Damos por perdidos estes dous anos e os dous que veñen”, destacou, “o único que temos é unha explanada para aparcar autocaravanas, en lugar dun hotel de 5 estrelas, e un banco corrido na praza da Ferrería. Os veciños tanto do centro como das zonas do rural seguen padecendo os mesmos problemas. O Goberno de Lores é de falar moito e traballar pouco”, engadiu.
Proxecto bloqueados e asuntos gardados no caixón.
“A parálise é evidente e a crise de goberno así o corrobora”, manifestou Jacobo Moreira, “a compostaxe, o proxecto estrela do BNG de Lores pasou a ser un proxecto estrelado que custa 25.000 euros anuais”, manifestou Jacobo Moreira, “pero Lores non só bloquea os seus propios proxectos, tamén cuestiona os que están a desenvolver outras administracións como o Gran Montecelo, a pesar de que foi o propio Alcalde o que asinou un convenio do que agora parece que renega”, apuntou.
“Os asuntos de vital importancia para a cidade continúan gardados no caixón”. Pontevedra segue sen contar cun novo PXOM, pero pola contra, seguimos engrosando o importe de gastos a pagar á empresa consultora encargada no seu día de elaborar un novo documento. “Estamos ancorados no pasado, sen dar posibilidades ás empresas interesadas en xerar emprego”, destacou Jacobo Moreira, “e o transporte público segue a ser unha materia pendente. Nin contamos con el, nin o esperamos”.
Prórrogas e privatizacións.
“A xestión pública non é precisamente a virtude de Lores”, sinalou o portavoz popular quen lamenta que “o BNG non sexa capaz de avanzar en asuntos tan sinxelos como a licitación de novos contratos: Piscinas de Campolongo, Axuda no Fogar, Auga ou Lixo”.
E mentres tanto, continúan incrementando os servizos privatizados “a pesar de que o BNG di ser emblema dos servizos públicos”. Só neste 2017, os nacionalistas privatizaron o mantemento de colexios públicos, a xestión do CITA e a xestión do Local de Música Municipal. “Lores converteu o Concello nunha oficina de xestión de custos. Practicamente todo está privatizado e a este ritmo acabará privatizando a Alcaldía”, ironizou o edil popular.
Sen estabilidade, sen xestión.
“Non hai seguridade de goberno e para proba as argucias levadas a cabo polo BNG para aprobar os orzamentos. No 2015, aproveitándose da ausencia dun concelleiro hospitalizado, e no 2016, saltándose o procedemento”, lembrou Jacobo Moreira. “O BNG di que non ten cartos para atender as demandas veciñais, pero se gastan 2 millóns de euros na compra dun novo local. O BNG se nega a baixar os impostos aos pontevedreses e os clubs deportivos non reciben as axudas municipais, pero ten 5,5 millóns de euros no banco. Din que apoian aos máis desfavorecidos, pero se negan a adherirse ao Plan Vivendas Baleiras. Cuestión de prioridades”, sentenciou Jacobo Moreira.

Deja un comentario