+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

O concello de Lalín condena sen paliativos as graves declaracións machistas do concelleiro non adscrito contra a edil Celia Alonso


O Goberno denuncia que as arroutadas noxentas, miserables e indignas do edil tránsfuga non contribúen ao difícil obxectivo común de desterrar a violencia de xénero

O Concello de Lalín expresou hoxe as súa máis enérxica e rotunda condena ao gravísimo comportamento machista do concelleiro tránsfuga durante o Pleno no que se debatía a cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos. Na súa última intervención durante a celebración desta sesión extraordinaria, o edil non adscrito ameazou á concelleira de Medio Ambiente con “estamparlle nos narices” un documento, unha actitude reprobable que, a xuízo do Goberno, non só demostra a súa total falta de argumentos e de rigor, senón a súa baixeza política, ética e moral.

Nun contexto no que cada ano ducias de mulleres son asasinadas polas súas parellas, o Goberno considera que as palabras e a actitude do concelleiro tránsfuga non contribúen precisamente a avanzar na erradicación da violencia de xénero, un difícil obxectivo de todos e no que as administracións públicas -nomeadamente o Concello de Lalín- están a traballar arreo dende hai anos. Por iso o Goberno cualifica este comportamento de noxento, miserable e, sobre todo, indigno dun representante público, moito máis cando o mantén nun foro no que se representa a todas e todos os lalinenses.

Ante este feito impresentable, o Goberno quere repudiar de maneira inequívoca calquera expresión ou acción de cariz machista que, se xa resulta lamentable de por si, ten aínda connotacións máis graves cando quen as realiza é un concelleiro que debería manter unha actitude exemplar e escrupulosamente responsable con este tipo de temas e que, no canto diso, fai proselistismo desa violencia co seu comportamento. Debido a isto, o Concello recoméndalle ao edil tránsfuga medir as súas palabras no Pleno, xa que calquera representante público, e máis un que como el se dedica á educación, debe ter conta non só do que di senón de como o di.

Deja un comentario