+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

Mos aproba unha moción a favor do Transporte Metropolitano aínda que Vigo non estea presente


Arévalo asegura que non está disposta a que Caballero continúe a perxudicar a Mos e ó resto de Concellos da Área Metropolitana en materia de comunicacións

O grupo municipal do Partido Popular de Mos presentou hoxe no Pleno ordinario da Corporación Municipal do mes de decembro unha moción sobre o transporte metropolitano que foi aprobada por maioría.

O de Mos é o primeiro dos 13 Concellos que integran a Área Metropolitana de Vigo que leva a sesión plenaria e aproba esta moción pola que se adopta o acordo de instar á Xunta de Galicia a que continúe facendo canto estea na súa man para a implantación do Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo nas mesmas condicións e cos mesmos beneficios que nas áreas nas que xa está operativo e, de non ser así, proceda á posta en marcha do plan sen o Concello de Vigo; instar ao Concello de Vigo a que reconsidere a súa postura incorporándose ao Plan o que beneficiará a tódolos cidadáns da comarca e, nomeadamente, dos veciños da área de Vigo; e dar coñecemento deste acordo á Xunta de Galicia, ao Concello de Vigo, así como ao resto de Concellos afectados na procura do desbloqueo da situación.

Neste sentido a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, declaraba durante o Pleno celebrado esta mañá que considera esta moción un paso clave e decisivo cara a posta en marcha do “tan necesario Plan de Transporte Metropolitano”, que a rexedora local espera e desexa “se faga realidade canto antes aínda que sexa sen a presencia do Concello de Vigo e o seu alcalde, Abel Caballero”.

Arévalo asegura que “o de Vigo pretende prexudicar ao resto de Concellos da Área Metropolitana, e aos propios veciños de Vigo, impedindo o desenvolvemento do Plan de Transporte Metropolitano nas mesmas condicións que xa se está desenvolvendo nas áreas da Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo”. E é que en contra do que pretende trasladar Caballero, o Plan de Transporte Metropolitano non supón un gran esforzo orzamentario para o Concello de Vigo, senón todo o contrario, xa que a súa posta en funcionamento suporía unha importante achega da Xunta de Galicia, que destina a ese fin arredor de 9 millóns de euros anuais no conxunto de Galicia.

A rexedora local insistiu en que “Vigo necesita de Mos e dos demais Concellos da súa área, porque Vigo non sería Vigo sen os mosenses que van á cidade olívica a mercar, a traballar, etc. a ‘facer Vigo’ en definitiva; por iso tamén precisa de nós”, dixo. Nidia Arévalo foi moi crítica neste sentido e calificou de “enorme inxustiza que os vigueses poidan facer uso das nosas instalacións deportivas, dos pavillóns, da Piscina Municipal, etc. polo mesmo prezo que pagan os mosenses, mentres que os veciños de Mos teñen que pagar máis polo transporte público en Vigo polo mero feito de ser mosenses”. Deste xeito Arévalo instou a Abel Caballero a “abandonar a súa postura inxusta e egoísta en favor do ben común, co que gañamos e saímos beneficiados todos”.
O Plan de Transporte Metropolitano está obtendo gran éxito nas areas metropolitanas do país nas que xa está implantado con incrementos no número de viaxes de ata o 33% en tres anos, polo que a súa eficacia está máis que probada. E a este respecto a alcaldesa de Mos salientou o enorme beneficio que representaría para os veciños e veciñas de Mos, que padecen as carencias e deficiencias do transporte público á hora de desprazarse, así coma enormes dificultades de comunicación entre os diferentes municipios da Área Metropolitana. Problemática esta que se viu agudizada dende que o Alcalde de Vigo anunciou o pasado 8 de xaneiro no Pleno do Concello de Vigo a súa intención de restrinxir o acceso aos abonos de VITRASA a todos aqueles cidadáns que non están empadroados na capital metropolitana, privando do beneficio de descontos para usuarios habituais do transporte público ós habitantes da localidade mosense (así coma do resto de localidades da área).

Por último, a alcaldesa de Mos anunciou que nos vindeiros días os 13 alcaldes dos municipios integrantes da Área Metropolitana de Vigo manterán na delegación territorial olívica da Xunta de Galicia, unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, a fin de darlle traslado á representante autonómica do contido das mocións municipais e consensuar o seguinte paso cara á posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano que, por fin, será unha realidade.

Deja un comentario