+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Tres alternativas que reproban o capricho de Lores de adquirir un novo local


Os populares advirten: “esta terceira opción invalida o proceso de adxudicación directa establecida para a compra do baixo da rúa Ferreiros”

A formación que encabeza Jacobo Moreira expuxo hoxe unha terceira alternativa fronte á intención do Goberno de Lores de adquirir un novo local para albergar dependencias do Concello: o solar municipal situado na rúa de A Barca número 12, no que se ía localizar o viveiro para campus Crea.
“O máis adecuado sería, pensando no futuro, buscar e estudar unha localización definitiva que puxese dunha vez por todas punto e final aos problemas de dispersión. Pero ante a inminente intención do Goberno de Lores de gastar preto de 2 millóns de euros nun baixo (entre compra e reforma), cremos que é necesario insistir en que existen alternativas máis favorables”, sinalou este martes o concelleiro popular, César Abal, en rolda de prensa.
Tras propoñer o antigo edificio de Facenda, como opción definitiva, e as instalacións do antigo Banco de España, como opción provisional, os populares expuxeron esta terceira alternativa que “vén demostrar que o Goberno de Lores non se preocupou o máis mínimo por estudar outras posibilidades”, puntualizou o edil popular. “Non tiveron en conta que o Concello xa ten un solar en propiedade e que, curiosamente, o propio Lores cifrou o custo de construción dun edificio nel en 1,2 millóns de euros, cifra que coincide co custo de compra do baixo á entidade vinculada ao sector bancario”, destacou o concelleiro popular.
Ademais, Abal advertiu que esta terceira opción invalida o proceso de adxudicación directa. “O Goberno de Lores motivou a compra do baixo da rúa Ferreiros en que non existía outro ben inmoble nas inmediacións que reunise as mesmas condicións”, apuntou o concelleiro popular, “e se demostra que non é verdade”.
Por este motivo, o Grupo Popular esixe ao BNG que convoque unha Xunta de Goberno Local urxente na que desestimen esta adquisición directa xa que “están a incorrer nun grave erro”. “A prepotencia e as presas coas que acostuman a traballar os nacionalistas lévalles a estas situacións constantemente. Pasou coa aprobación do Orzamento municipal, no que se saltaron o procedemento legal establecido, e estalles a pasar co seu capricho de adquirir un novo local municipal”, sentenciou César Abal.

Deja un comentario