+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018

Cerdedo-Cotobade incrementa un 50 por cento a súa partida no Plan de Camiños Municipais por incentivos da fusión


Disporanse de case 104.000 euros que se distribuirán equitativamente en dúas anualidades por parte da Xunta de Galicia

O Concello de Cerdedo-Cotobade vai contar cunha partida récord no Plan de Mellora de Camiños Municipais da Dirección Xeral de Agader, xa que a Xunta decidíu incrementar un 50% os fondos para os municipios agrupados co obxectivo de outorgar incentivos aos procesos de fusión. Deste xeito, Cerdedo e Cotobade terían que recibir 69.286 euros por separado, pero finalmente verán incrementada esa cantidade ata os 103.930 euros.

O Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018 fixa as cantidades en base aos habitantes, superficie, despoboamento e envellecemento, pero tamén se inclúe como criterio a promoción das fusións, o que incrementa os fondos nun 50%. Por este motivo, Cerdedo-Cotobade verá incrementada a súa contía por este concepto en 34.644 euros.

Esta partida, que o concello destinará á mellora de vías da súa titularidade, distribuirase a partes iguais en dúas anualidades, correspondentes co presente exercicio e co 2018. En total contará con 51.965 euros por ano.

A importancia do criterio e do incentivo da fusión no reparto destes fondos demóstrase en que Cerdedo-Cotobade será o cuarto concello de Galicia que disporá de máis diñeiro para reparar os seus camiños tras A Estrada (123.000), Oza-Cesuras (122.000) e Vilalba (111.000) e por riba de municipios rurais con maior superficie e poboación como Lalín (101.000).

“Somos o segundo concello da provincia con maior partida no Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta malia que ocupamos o posto 31º en poboación e iso débese exclusivamente á fusión e aos beneficios que dixemos que traería en forma de ingresos”, significou o presidente, Jorge Cubela, que cifrou o incremento en preto de 35.000 euros.

“Os incentivos da fusión están aí para todos os concellos e chegaron para quedarse co obxectivo de racionalizar a pranta municipal. É posible que vaiamos vendo máis agrupacións no futuro, pero nós somos vangardistas porque xa nos estamos beneficiando e eses cartos son fundamentais para mellorar os servizos públicos e marcar as liñas do noso futuro”, concluíu.

Deja un comentario