+034 986 09 02 04 Luns 16 de Xullo de 2018

O PP de Silleda considera inasumible o traslado da Casa da Cultura


A actual casa do Concello non dispón de sitio suficiente para albergar a Casa da Cultura

A indefinición do proxecto do traslado do Concello pon en perigo os servizos da Casa de Cultura, a idea de trasladala para a actual Casa de Concello é un auténtico despropósito, que ademais dende o PP de Silleda consideran inviable, xa que non hai espazo suficiente.

A proposta de trasladar a Casa da Cultura para a actual ubicación do Concello nace froito da improvisación coa que se vén tratando todo este procedemento, no que o que prima é facer a consulta popular, e non o que se vai a decidir nesa consulta e as súas consecuencias para todos os veciños.

Dende o PP de Silleda consideran que non hai que ser especialmente avispado para darse conta de que os servizos cos que conta a actual Casa da Cultura non caben na Casa do Concello. “É evidente que as necesidades de espazo para albergar a biblioteca municipal, que é un dos servizos máis demandados polos estudantes, ou as salas de exposicións ou o auditorio, non se dan na actual Casa do Concello, nin sequera facendo unha remodelación integral do actual edificio. Sen embargo non hai ningunha proposta seria para a súa reubicación, co que se ve que non lle importa moito a cultura, nin o que vaia a pasar coa Casa que debería ser o centro da actividade cultural da vila e de todo o Concello”.

Dende o Partido Popular consideran que tampouco ten sentido, que dende o grupo de goberno se diga por un lado que a actual ubicación do Concello é perigosa, e que por outra banda se pretenda para ese mesmo emprazamento o traslado da Casa da Cultura, maioritariamente utilizado por nenos e pola poboación máis nova da vila, o que deixa ben ás claras a improvisación coa que se está levando este tema.

“O que non se pode é tratar de facer un cambio tan relevante como o que pretende facer o Alcalde, sen ter un proxecto e un estudo sobre a repercusión que tería o cambio a todos os niveis, tanto de circulación como de reubicación de instalacións, como de custos. Despois estamos como no caso da sinalización de Carboeiro, que tras case un ano de traballos aínda non saben si dende Silleda hai un kilométro de distancia ou hai dez.”

O peor de todo este capricho do Alcalde é que este tipo de decisións non teñen volta atrás, como aconteceu coa rúa Cartagena, e ao final os prexudicados, e os que pagan as consecuencias das improvisacións son os veciños e os comerciantes, que ven como por problemas de aparcamento unha rúa acaba esmorecendo. Dende o Partido Popular, consideran que si se fixese unha boa programación cultural, dinámica e participativa, tendo en conta o horario de apertura da actual Casa da Cultura, poderíase converter nun centro de actividade moi importante para todos os comerciantes da zona, e axudaría a recuperar a maltratada rúa Cartegena.

Antes de votar a xente debería saber cal é o proxecto, que é o que teñen pensado facer dende o grupo de goberno, que custo terá realmente o traslado da Casa de Cultura, se será preciso ubicala noutro edificio, ou ampliar outras instalación… Sen embargo informar a xente e presentar un proxecto serio á cidadanía, parecen non ser as prioridades deste goberno.

Deja un comentario