+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

A XI Feira de Cuspedriños contará con 70 postos e agarda superar os 4.000 visitantes da derradeira edición


O Concello programa unha quincena de actividades e anima ao público a vestir de época para rememorar os mercados dos cincuenta
A XI Feira de Cuspedriños, que serve para rememorar os potentes mercados deste lugar de San Xurxo de Sacos a mediados do século pasado, contará con setenta postos espallados polos pendellos, o antigo mercado, a carballeira e a contorna da capela da Virxe do Carme e agarda superar os 4.000 visitantes da pasada edición.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que presentou hoxe o certame acompañado de membros do goberno local, amosouse confiado no éxito da cita e en superar o récord de público da décima edición: “A feira xa ten moita sona e está consolidada e ademais dende o Concello facemos un gran esforzo na súa organización e programación, polo que, unido ao gran traballo de promoción e ás boas previsións meteorolóxicas, que apuntan a unha xornada soleada con ata 25 graos, fannos pensar que recibiremos novamente a milleiros de persoas”.
O Concello, que anima a todo público a acudir vestido de época para favorecer a ambientación do certame baseado nas feiras da década dos cincuenta, programou unha quincena de actividades que arrancarán ás 10.00 horas e se estenderán ao longo de todo o día.
O programa desta undécima edición contén as seguintes iniciativas: Apertura dos postos de artesanía, alimentación e outros trebellos e exposición de animais (10.00), inicio das actividades infantís (11.00), chegada e exposición de vehículos e autobús antigos (12.00), actuación de O Afiador (12.30), espectáculo de O Home Orquestra por toda a feira (13.00), actuación de Os Feirantes (13.30), segunda quenda de O Afiador (15.30), inicio das actividades infantís vespertinas e O Afiador na zona da capela (16.00-19.00), espectáculo de O Cego de Monifates (16.30), pasarela de traxes tradicionais galegos (17.30), espectáculo de Os Feirantes (18.00), pase de serán de O Cego de Monifates (19.30), “Tolemias de feira” do Mago Teto (20.00) e animación todo o día a cargo de Os Trazantes de Tenorio, Os de Ningures e Os Afoutes.
“Unha ollada ao pasado”
“Temos moitas festas variadas no noso concello ao longo do ano e todas eles teñen unha gran importancia social aparte de moita sona na bisbarra e en toda Galicia, pero a Feira de
Cuspedriños ten un componente especial, xa que conta cun gran potencial porque conxuga valores culturais e turísticos coa tradición e a ollada ao noso pasado sen esquecer a parte lúdica para os veciños e asistentes”, detallou Cubela.
O presidente quixo lembrar que esta feira, recuperada no ano 2007, celebrouse por última vez na súa época primixenia no ano 1968, polo que o ano que vén se cumprirá o cincuenta aniversario da súa desaparición. “Tentaremos facer algo especial en 2018 para rememorar esta efemérede, pero antes animo a todos a gozar desta edición”, manifestou Cubela, que engadíu que posiblemente este verán se repitan as xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10, “xa que rexistraron a preto de 300 persoas nas cinco iniciativas desenvolvidas e son un complemento perfecto para estender a repercusión da feira ao longo do ano e difundir os seus aspectos divulgativos e os do municipio”.

Deja un comentario