+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O goberno de Carmela Silva destina 420.000 € para catro novos proxectos en concellos da provincia


As achegas, enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017, están destinadas a reformas de rúas municipais e espazos públicos para fins deportivos e culturais nos concellos de Cangas, Tui e Ponteareas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de axudas por valor de case 420.000 € para que tres concellos da provincia poidan acometer catro novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse das achegas Cangas, Tui e Ponteareas que levarán a cabo reformas de rúas así como proxectos en espazos públicos destinados a reunións, ao deporte e á cultura.

Carmela Silva subliñou que “coas axudas aprobadas esta mañá, que ascenden a 420.000 €, levamos xa distribuídos case 14 millóns de euros, é dicir, o 53,25% da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 €”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas “sen as que os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, impulsar novos investimentos ou novos proxectos en beneficio das súas veciñas e veciños”.

O concello de Cangas recibirá 220.789,31 € para impulsar unha nova capa de rodamento en varias rúas e viarios municipais. Máis polo miúdo, con estas achegas o concello poderá mellorar as rúas Barreiras, Lagar, Nova, Gruncheiras, Carballal, Reboredo, Salgueira e Faroleira. Ata o momento, Cangas ten aprobado xa o 80,52% do orzamento que a Deputación de Pontevedra lle destina no marco do Plan Concellos 2017.

No caso de Tui, o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou destinar 138.479,65 € dos cales, segundo informou Carmela Silva, 69.889,60 € serán para a reforma dos vestiarios nas instalacións deportivas Álvarez Durán e 68.590,05 € para mellorar as instalacións do conservatorio de música do concello. Con estas achegas, Tui ten o 73,72% do Plan Concellos 2017 aprobado.

Pola súa banda, Ponteareas recibirá 60.658,43 € para a redacción da memoria descritiva e valorada para adaptar espazos no auditorio para configurar locais de reunión. Esta achega, sumada ás xa aprobadas ata o momento no concello, significan o 46,47% do orzamento que lle corresponde a Ponteareas do Plan Concellos 2017.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para recordar que “este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada no 2016 e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa máis de 32,5 millóns de euros dende xaneiro, é dicir, o 78,88% do plan”.

Deja un comentario