+034 986 09 02 04 Luns 25 de Xuño de 2018

A Mancomunidade do Morrazo e amigos da terra poñen en marcha a campaña medioambiental ‘Residuo Mínimo”


Os Concellos de Bueu, Cangas, Moaña e a Organización ecoloxista Amigos da Terra presentaron esta mañá, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o proxecto de sensibilización e educación ambiental na Mancomunidade de Concellos do Morrazo, que se enfoca á minimización de residuos, así como á mellora dos recursos naturais e ao fomento dun consumo responsable.
Félix Juncal, alcalde de Bueu e actual presidente da Mancomunidade, destacou que se trata dunha campaña inserida no marco da concesión coa empresa encargada da planta de residuos sita na Portela e que se realizará entre o 2017 e o 2018- “Vai haber un antes e un despois, pois os residuos deben deixar de ser un problema para converterse nunha oportunidade”, salientou. Así mesmo, Juncal apuntou tamén que a redución de residuos revertería directamente na sostibilidade financeira do servizo, idea que tamén recolleu Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, na súa intervención. A rexedora morracense comentou que “a aposta dos tres concellos é firme e que é importante que a cidadanía comece a concienciarse a favor dunha política sostible economica e medioambiental”.
“Trátase dun proxecto de participación activa da poboación, encamiñado a implantar a cultura do Residuo Cero na comarca do Morrazo con actividades durante un ano, a través de alternativas como a compostaxe en vivendas” explicou Paula Vidal, a responsable de Amigos da Terra para o Proxecto Residuo Mínimo, quen se referiu aos tres eixos fundamentais da campaña.
Coa colaboración da empresa Recolte, a Mancomunidade aposta decididamente pola compostaxe dando a posibilidade de participar a 50 familias en cada concello. Deste xeito, 150 familias terán o seu propio composteiro nos seus xardíns e hortas, farán o seu compost ecolóxico e obterán froitos de calidade dun xeito cómodo e sinxelo.
A materia orgánica supón entre o 30-50% do peso dos residuos sólidos municipais, e a grande maioría remata en vertedoiros ou incineradoras. Calcúlase que en Galicia xérase uns 0,5 Kg/día (Eurostat 2014), o que significa 1,5 kg de residuos orgánicos por cada familia media de 3 persoas ao día.
Con esta campaña, 150 familias lograrán reducir estes residuos orgánicos obtendo a cambio un abono de calidade, un recurso valioso para recuperar a fertilidade dos solos, os montes queimados ou os espazos naturais degradados. Para isto repartiranse, de maneira gratuíta, un composteiro a cada familia participante e un manual de compostaxe para coñecer máis do proceso. Os/as veciños/as contarán con asesoramento técnico personalizado a domicilio e por teléfono, por parte da técnica de Amigos da Terra.
Outro reto da campaña é o de reducir os residuos de envases da Mancomunidade, que constitúen preto do 20% do total. Galicia non consegue recuperar para a súa reciclaxe nin un 20% do total destes envases, que poderían ser reintroducidos no ciclo, dando lugar a novos envases e reducindo a expoliación de recursos, á vez que suporía un aforro económico para os concellos da Mancomunidade.
Por esta razón, outra liña de traballo clave desde o comezo da Campaña é a presenza nas rúas. Durante un ano, cada mes as responsables da Asociación, estarán presentes nas vilas da Mancomunidade, colocando un espazo informativo no que poder informar á cidadanía e interactuar cos colectivos locais.
Ademais, para incluír ao público infantil, elaborarase un programa educativo que achegará aos centros de ensino públicos un catálogo de recursos didácticos adaptados aos distintos niveis educativos. Estas propostas terán como obxectivo facilitar nas aulas o traballo e a reflexión sobre as problemáticas asociadas á xeración e xestión dos residuos que producimos no noso actual modo de vida e consumo, así como a promoción de alternativas que promovan a sustentabilidade ambiental e o consumo responsable.

Deja un comentario