+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Trinta e nove concellos e a Entidade Local Menor de Queimadelos beneficarios das axudas para normalización e dinamización lingüística


Esta liña de axudas financia programas de dinamización da lingua galega e servizos de normalización por un importe total de 200.000 euros
Trinta e cinco solicitudes corresponden a programas de dinamización e cinco a mantemento do servizo de normalización lingüística municipal
O Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra xa está comunicando aos 39 concellos e á Entidade Local Menor de Queimadelos a aprobación das súas solicitudes ao abeiro da liña de axudas para dinamización lingüística. Hai que lembrar que esta liña de subvencións foi creada nesta lexislatura e convocada neste exercicio por segunda vez e contempla dúas opcións, ou ben a creación ou mantemento dun servizo de normalización municipal, ou ben o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
A maioría das entidades solicitantes optaron polos programas de dinamización da lingua, un total de 35, mentres que 5 solicitaron axuda para o servizo de normalización. En total, esta liña de axudas, distribuirá 200.000 euros entre todos os concellos cuxas solicitudes foron aprobadas. Esta liña de subvencións ía dirixida a concellos e entidades locais menores da provincia de Pontevedra, ata un máximo de 50.000 habitantes.
Distribución por comarcas
Na comarca de Vigo foron aprobadas axudas por un importe total de 44.112,58 euros, que corresponden a un total de 8 solicitudes. O concello de Nigrán solicitou para mantemento do servizo de normalización lingüística, mentres que os concellos de Baiona, Gondomar, Mos, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas, Soutomaior e Fornelos de Montes solicitaron para promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Na comarca do Salnés o conxunto das axudas ascende a 32.427,62 euros, para un total de 5 solicitudes. Os concellos de Vilagarcía de Arousa e O Grove solicitaron para mantemento do servizo de normalización lingüística; e os concellos de Cambados, Ribadumia, e Sanxenxo solicitaron para programas de dinamización.
Na comarca do Condado-Paradanta as axudas suman o total de 36.008,16 euros. O concello de A Cañiza solicitou para servizo de normalización lingüística. A entidade local menor de Queimadelos e os concellos de Mondariz, Arbo, As Neves, Ponteareas e Salvaterra de Miño presentaron programas de dinamización da lingua galega. Na comarca de Deza-Tabeirós o importe concedido ascende a 12.511,81 euros para tres solicitudes para promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega que corresponden a Silleda, Lalín e A Estrada. Na comarca do Morrazo as axudas suman 23.920,26 euros e presentaron solicitudes os catro concellos da comarca. O concello de Moaña presentou para o mantemento do servizo de normalización lingüística e Bueu, Cangas e Marín para programas de dinamización da lingua.
Na comarca de Caldas o importe total das solicitudes concedidas suma 17.321,81 euros. As solicitudes, todas para programas de dinamización, corresponden aos concellos de Catoira, Cuntis, Moraña e Valga. Na comarca de Pontevedra o total das axudas ascende a 26.959,07 euros. Foron un total de 6 solicitudes, para desenvolvemento de programas de dinamización, e corresponden aos concellos de Barro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Poio, Ponte Caldelas, e Vilaboa. Na comarca do Baixo Miño as axudas suman 15.548,10 euros. Presentaron solicitudes os concellos de A Guarda, Oia e Tomiño. Os tres para promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.
Tipoloxía das solicitudes
Para a promoción de programas de dinamización da lingua galega, esta liña esixe que as entidades solicitantes desenvolvan accións transversais en ao menos tres eidos dun total de oito: ensino, comercio, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social. Así, aprobáronse programas que inclúen actividades de narración oral, edicións de libros, obradoiros sobre dobraxe ou sobre regueifas, teatro en galego, campañas da man do comercio local, e iniciativas de reparación e recuperación da toponimia.
Cabe destacar que, ademais, as axudas contemplan expresamente a creación e mantemento de premios que fomenten o uso do galego. Así, inclúe un punto que atende a “premios e distincións, desde os concellos, ao labor de fomento do galego entre persoas e colectivos veciñais, deportivos, culturais e/ou ambientalistas. Apoio á creación en lingua galega, dando prioridade aos eidos onde estea menos presente”. Nesta convocatoria e no marco dos programas de dinamización, presentáronse 12 solicitudes promovidas por 7 concellos. Tres corresponden a certames de poesía: o Premio Poesía Avelina Valladares, de A Estrada; o Premio Poesía Johan Carballeira, de Bueu; e o Premio de Poesía Lueiro Rey, de Fornelos de Montes. Dúas de xornalismo: o Premio de Xornalismo Lueiro Rey, de Fornelos de Montes, e o Premio de Xornalismo Johan Carballeira, de Bueu. Dúas de teatro: o Premio de Teatro Romaría Viquinga, de Catoira; e o Premio de Teatro MOME Varela Buxán, de A Estrada. Dúas solicitudes corresponden a certames convocados expresamente para centros de ensino: o Certame de narración ‘No verán refréscate con libros’, de Marín; e o II Concurso de Cómic, de Silleda. Unha solicitude corresponde a un certame sobre igualdade de xénero, o Premio Matilde Bares de relatos de igualdade, de Bueu; tamén unha solicitude sobre investigación, o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, de Valga; e unha solicitude sobre certame de novela, o Premio Novela Manuel García Barros, de A Estrada.

Deja un comentario