+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O PP urxe a Concello e Deputación que substitúan o céspede no campo de fútbol das Corticeiras, en Caldas


O terreo de xogo xa ten dez anos e presenta un estado de deterioro moi avanzado que impide a práctica deportiva en condicións adecuadas e de seguridade
O Partido Popular pediu esta mañá a Deputación e Concello de Caldas que se poñan de acordo, pero que algún dos dous asuma a substitución da herba sintética no campo de fútbol das Corticeiras. A voceira do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo, a deputada Luisa Piñeiro e o presidente local do partido, Jesús Goldar, reuníronse con varios membros da directiva do club de Caldas para escoitar as súas demandas, pero tamén para poñerse á súa disposición á hora de esixir un terreo de xogo de calidade.

Jesús Goldar sinalou que “o céspede deste campo de fútbol non serve practicamente para nada, porque temos a desidia absoluta do goberno socialista local que, pese ás demandas case semanais dos directivos do clube onde se lles solicita que humildemente veñan a comprobar como está o terreo de xogo e intenten destinar os fondos necesarios para cambiar este céspede, parece que salvo boas palabras e promesas non fan nada máis”.

Así, recordar que xa pasaron dez anos desde que a Deputación gobernada polo PP colocou herba artificial no campo de fútbol das Corticeiras, en 2007, e precisamente dez anos é o tempo de vida útil que se garante cando hai un uso intensivo do terreo de xogo, como é o caso de Caldas, no que diariamente adestran e xogan persoas de todas as categorías deportivas, desde deporte base ata o primeiro equipo.

Por iso, desde o PP esixen “compromiso e xestión para solucionar os graves problemas deste campo”. Jesús Goldar sinala que “se a Deputación non quere facerse cargo, que sexa con fondos propios do Concello, pero alguén terá que poñer solución a esta situación”.

A voceira dos populares na Deputación, Nidia Arévalo, lamentou que as prioridades do actual Bipartito da Deputación vaian nunha dirección contraria. “Desde o PP advertimos que en 2017 cumprían dez anos moitos dos terreos de xogo desta provincia, e por iso propuxemos que incluísen nos orzamentos provinciais unha liña específica para substituír a herba sintética nos campos máis deteriorados, como o caso das Corticeiras, e desde o Goberno bipartito dixeron que non, había unha nova oportunidade se o alcalde de Caldas fixera os deberes e o incluíra no Plan Concellos pero tamén dixo que non”.

“O estado deste campo de fútbol demostra a falta de preocupación do concello e da Deputación. Hai unha serie de voluntarios, os directivos do clube e un grupo de pais e nais que están aquí todos os días coidando estas instalacións para que os veciños de Caldas poidan vir cada fin de semana a facer deporte pero ninguén máis se preocupa”, explicou.

Nidia Arévalo asegurou que o seu grupo reclamará, nunha nova ocasión, compromisos do Bipartito cos campos de fútbol de toda a provincia, incluído o de Caldas. “Está demostrado que a construción de campos de herba sintética por parte da Deputación de Pontevedra foi un proxecto pioneiro en toda Galicia e un éxito, xa que permitiu aumentar de xeito notable o número de licencias, pero sobre todo, o número de escolas deportivas e de nenos e nenas que practican este deporte nunhas instalacións modernas e de calidade”.

A deputada, Luisa Piñeiro, sinalou que hai zonas do terreo de xogo afundidas, con buratos e que están provocando lesións de nenos e xogadores por iso desde aquí facemos un chamamento a Deputación e Concello, para que lles quede claro que as demandas que fai o Partido Popular partes das necesidades que os veciños demandan, e non nos sorprende que desde o Goberno da Deputación e nin desde o Goberno local non se enteren destas cousas porque non vemos ao Partido Socialista nin visitando os concellos nin preocupándose polas demandas que está facendo a cidadanía”.

Deja un comentario