+034 986 09 02 04 Martes 22 de Maio de 2018

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) pon en marcha o Servizo de Fisioterapia especializado en Linfedema


O obxectivo deste proxecto é mellorar as capacidades de cada participante para facilitar a súa autonomía persoal a través da integración social e laboral
A Asociación Galega de Linfedema (AGL), entidade que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), conta cun novo servizo de fisioterapia especializado en linfedema, co que pretende mellorar as capacidades das persoas afectadas por esta doenza que ataca o sistema linfático. E cando unha persoa se sente mellor, isto vai repercutir favorablemente na súa propia autonomía persoal, podendo integrarse laboral e socialmente.
Un total de 50 persoas de toda Galicia afectadas por linfedema van poder recibir este servizo de maneira gratuíta. O seu financiamento é a través dunha subvención de 12.000 euros procedente do 0,7% do IRPF e tamén da subvención de 11.000 euros da Fundación ONCE, e que xestiona COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica).
En Galicia son preto de 50.000 as persoas que conviven co linfedema, 900.000 en España, sendo preto de 3.000 mulleres, a maioría operadas de cancro de mama, ás que se lles diagnostica esta enfermidade, segundo sinalan a Sociedade Española de Anxioloxía e Cirurxía Vascular (SEACV) e Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física (SERMEF), en Galicia

O Linfedema (alteración do sistema linfático) é unha enfermidade grave, crónica e progresiva, de evolución lenta, que proporcionalmente afecta ás mulleres. Non existen fármacos nin intervencións cirúrxicas eficaces. Está demostrado que o tratamento fisioterapéutico resulta efectivo para que a enfermidade empeore e se agrave.

A sanidade pública galega non ofrece un servizo especializado, nin existen suficientes fisioterapeutas que teñan esta especialidade de tratar correctamente esta enfermidade. É por isto que AGL pon en marcha este programa de fisioterapia especializado en linfedema, con profesionais especializados, que tratarán sobre todo a mulleres do ámbito rural. Arestora, este servizo de fisioterapia está en activo en Ferrol, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Baio (concello de Zas). A persoa con linfedema interesada neste servizo pode contactar coa asociación nos teléfonos 986 505 443 e
618 307 562 solicitando información.

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) é unha organización non gobernamental constituída no ano 2004 tendo por obxecto principal contribuír ao coñecemento, estudo e investigación do linfedema, así como proporcionar e levar a cabo toda clase de accións destinadas a mellorar a situación das persoas que teñen esta enfermidade e familiares.
AGL é unha das 58 entidades membro de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, e tamén forma parte de FEDEAL (Federación española de asociacións de Linfedema) e FEGEREC (Federación Galega de Enfermidades raras ecrónicas).

Deja un comentario