+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Xullo de 2019

Medio Ambiente destinará 180.000 euros para o acondicionamento da Praza do Concello no núcleo de Cerdedo


 

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para a posta en marcha desta actuación enmarcada no Plan hUrbe
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará 180.000 euros para a mellora e ampliación dos espazos peonís da praza do Concello no núcleo de Cerdedo. Esta actuación, enmarcada no Plan Hurbe, desenvolverase mediante un convenio de colaboración que referendaron a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Deste xeito, a administración local queda en disposición de licitar as obras para que comecen os traballos o antes posible.

Esta intervención está recollida no marco do Plan hUrbe, que ten entre as súas finalidades mellorar e promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais, polo que a actuación referendada esta mañá é acorde con este obxectivo. Neste caso concreto, a praza constitúe un espazo aberto de encontro e convivencia co que conta a poboación do núcleo de Cerdedo. No ámbito praza existe tamén un parque infantil. Esta circunstancias fan necesaria a actuación para dar seguridade aos seus usuarios.

Con esta actuación, subvencionable ao 100% por parte da Xunta, preténdese a reestruturación integral da praza, respectando os elementos existentes e aumentando as áreas peonís, acoutando as zonas de circulación e aparcamento de vehículos. Así, executarase unha renovación e ampliación de pavimentos, renovación da rede abastecemento de auga para as vivendas, dotación de rede de alumeado público e mobiliario urbano.

Ademais de fomentarase a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo; tamén se promoven todas aquelas actuacións orientadas a incrementar a seguridade viaria e peonil, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e mellorar, así, o benestar dos veciños.

Cooperación cos concellos
Un dos obxectivos da Xunta de Galicia é promover a execución de equipamentos urbanos municipais, co fin de dotar aos concellos dunha adecuada oferta de actividades de ocio, recreativas, culturais e de lecer, con obxecto de mellorar a calidade vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Polo tanto, o Plan hUrbe cumpre cun dos obxectivos prioritarios do Goberno galego que é a colaboración e cooperación entre a administración autonómica e os concellos, como é este o caso. Do mesmo xeito, trátase de avanzar conxuntamente cara a un urbanismo responsable, sustentable e participativo”.

Esta actuación vén a poñer de manifesto os esforzos do Goberno galego por mellorar as vilas galegas; xa que no presente exercicio executaranse 15 actuacións en senllos concellos, o que se traduce nun orzamento de case tres millóns de euros.

Máis dun cento de actuacións
Dende a súa posta en marcha, no ano 2010, o investimento no conxunto de Galicia elévase a 123 millóns de euros para facer realidade 157 actuacións.

Cómpre recordar que este plan ten un triplo obxectivo, fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade, coa recuperación de espazos públicos.

Deja un comentario