+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu convida a unirse ao voluntariado


As persoas interesadas en apoiar tarefas técnicas, de produción, loxística ou comunicación deben cubrir un formulario na web

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu volve ofertar este ano diversas prazas de voluntariado para as persoas que desexen apoiar a organización e desenvolvemento da décima edición do FICBUEU. As e os voluntarios terán a oportunidade de cooperar cun equipo profesional e vivir o evento desde dentro, aprendendo da experiencia nunha interesante contorna de traballo.
Poderase participar en tarefas técnicas, como a propia proxección das curtametraxes, e en variadas cuestións loxísticas, desde a produción previa ata a atención en sala. Tamén no acompañamento das e dos cineastas convidados, mesmo como intérpretes das directoras e directores que chegarán desde o estranxeiro, ou na área de comunicación, por exemplo colaborando na difusión a través das redes sociais.
As actividades a realizar estableceranse de acordo cos intereses e a formación das persoas voluntarias, que contarán cunha supervisión continua, estarán aseguradas e recibirán un certificado final pola súa colaboración. Ademais, o alumnado de terceiro e cuarto curso da Universidade de Vigo poderá convalidar a colaboración como prácticas na súa formación académica.
O prazo de solicitude para formar parte do equipo de voluntariado do FICBUEU 2017 xa está aberto e pode realizarse a través do formulario dispoñible en www.ficbueu.com/colabora, onde tamén figuran as bases do acordo coa organización. As dúbidas poden consultarse ademais no enderezo electrónico producion2@ficbueu.com.

Deja un comentario