+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

A Bolsa de Contratación Turística do salón Turexpo Galicia acolleu máis de 2.400 reunións de negocio con 44 turoperadores de 10 países


ESTES OPERADORES DE TURISMO REUNÍRONSE CON 117 EMPRESAS DO SECTOR QUE LLES AMOSARON AS SÚAS PROPOSTAS

O VII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2017, o cal se celebrará ata o domingo conxuntamente coa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), acolleu no marco da súa Bolsa de Contratación Turística máis de 2.400 reunións de negocio, as cales superaron en máis de 1.000 as realizadas na pasada edición.

Este aumento dos encontros celebrados débese tanto á importante participación de turoperadores como ao gran número de empresas que se reuniron con eles. Así, os turoperadores participantes foron 44, un 42% máis que na pasada edición, mentres que as empresas foron 117, un 44% máis que en 2016. Estas últimas, entre as que se incluían tanto empresas expositoras como non expositoras, foron na súa maioría galegas, aínda que tamén houbo unha importante participación de empresas portuguesas.

Os turoperadores, aos que as empresas lles amosaron as súas propostas durante todo o día de onte e a mañá de hoxe, procedían de España e doutros nove países con gran interese como emisores de turismo, como son Alemaña, Brasil, Canadá, EE.UU, Francia, Gran Bretaña, China, Polonia e Portugal.

As reunións, axendadas en función dos intereses de ambas partes para conseguir os mellores resultados posibles, foron valoradas moi positivamente polos turoperadores participantes, que destacaron a gran variedade das propostas presentes e o seu interese en incluír moitas delas nas ofertas que farán aos seus clientes nos seus países de orixe. Así mesmo, destacaron que a participación de empresas galegas e portuguesas e tamén a conexión e cooperación existente entre Galicia e o Norte de Portugal foi para eles de gran interese polas posibilidades que lles ofrece para a creación de paquetes turísticos que inclúan ambas rexións. Por outra banda, a satisfacción tamén foi xeralizada por parte das empresas participantes.

Esta Bolsa de Contratación Turística, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, converteuse así nunha inmellorable plataforma de negocio para as empresas participantes e o sector turístico galego.

Viaxe de familiarización
A estas mesas de negocio a Bolsa de Contratación engadirá dende hoxe pola tarde ata a mañá do domingo 11 un post-tour, unha viaxe de familiarización que levará aos turoperadores a varios lugares de Galicia.
Así, hoxe acudirán á zona do Salnés, cunha visita guiada por Cambados e unha cena na adega Condes de Albarei. Xa mañá realizarán un paseo pola ría de Arousa en dúas embarcacións tradicionais de madeira centenaria, no que poderán coñecer de cerca o cultivo do mexillón e contemplar a illa de Cortegada, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Tamén desfrutarán dunha comida no Pazo de Rubianes, en Vilagarcía de Arousa, con visita guiada polos seus xardíns e viñedos e o propio pazo.

En canto ao domingo pola mañá, visitarán no marco deste post-tour distintos lugares de Santiago de Compostela.

Deja un comentario