+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

O alcalde parabeniza á AED e ao comercio e a hostalería de Lalín polo rotundo éxito da noite branca


Rafael Cuíña amosa a súa satisfacción polo enorme pulo que supuxo esta iniciativa para a dinamización económica e social da vila

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, quixo expresar  os seus parabéns e os de todo o Goberno municipal á AED e ao conxunto do comercio e a hostalería de Lalín polo rotundo éxito da Noite Branca, que se celebrou este venres. A iniciativa, que conta co apoio decidido do Concello de Lalín, permitiu encher de xente as rúas da vila, cun amplo programa de actividades e atractivos que demostraron a calidade e o compromiso do sector co municipio e os seus veciños, que se amosaron encantados pola súa celebración.

Ao mesmo tempo, Cuíña salientou a gran importancia que teñen este tipo de eventos para a dinamización económica e social da vila, xa que “non só se conseguiu atraer a un gran número de clientes, senón que propiciou -a teor do expresado polos propios responsables do sector- un pulo para as vendas e o consumo”. Por outra banda o alcalde quixo remarcar que este tipo de actividades “tamén supoñen un enorme beneficio para a imaxe de Lalín, xa que contribúen a demostrar que o noso concello -grazas tamén ao seu sector empresarial, comercial e hostaleiro- é un municipio dinámico, activo e atractivo para investir, algo que serve para sumar un elemento máis a prol da nosa reactivación económica e a creación de emprego”.

Por último, saliento o compromiso decidido do Concello para a realización deste tipo de actividades, un compromiso que non só se visualiza na Noite Branca, senón tamén na importante achega económica que o Concello fixo para financiar a elaboración do Plan de Acción Comercial para o Comercio e a Hostalería de Lalín, ou a que ten previsto realizar para dar respaldo ao novo programa da AED e que se inclúe no proxecto de orzamentos para este ano.

Deja un comentario