+034 986 09 02 04 Xoves 19 de Xullo de 2018

A Xunta entregará os premios de cooperativismo no ensino ao IES Pino Manso do Porriño e ao CEIP Plurilingüe Domaio de Moaña


Os alumnos e alumnas do centro do Porriño recibirán mañá o galardón polo traballo realizado, un mapa dixital de accesibilidade en cadeira de roda a establecementos da contorna empregando as novas tecnoloxías
A Xunta entregará os premios do certame Cooperativismo no ensino ao IES Pino Manso do Porriño e ao CEIP Plurilingüe Domaio de Moaña.

Os alumnos e alumnas do centro do Porriño recibirán mañá a partir das 11,30 horas o galardón, que vai acompañado dunha dotación económica de 1.000 euros, polo esforzo realizado na elaboración dun mapa dixital de accesibilidade en cadeira de rodas a establecementos da contorna empregando as novas tecnoloxías. O premio forma parte da modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida aos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial de Galicia.

Pola súa banda, o CEIP de Domaio, que recibirá o martes o galardón, conta con dous proxectos premiados: O cooperativismo: un novo superpoder, premiado co mellor traballo do alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil dotado con 2.000 euros; e Luces, cámara e cooperación, que conta cun accésit na categoría de quinto e sexto curso de Educación Primaria galardoado con 1.000 euros.

Este concurso ten por obxecto potenciar e propiciar valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Tras a entrega do galardón, os alumnos e alumnas dos centros poderán desfrutar da compañía teatral Xarope Tulú, que representará a súa obra Cardume, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo, no que o público participa converténdose en ocasións en protagonista. A obra achega historias onde as personaxes traballan xuntos para acadar os seus soños, promovendo valores que fomenta o cooperativismo como son a cooperación, a solidaridade, a axuda mutua, a igualdade ou a equidade.

Cooperativismo no ensino forma parte dos actos que está levando a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, para celebrar o mes do cooperativismo en Galicia co obxectivo de difundir as vantaxes desta fórmula empresarial e que rematará o 1 de xullo coa entrega de Premios á Cooperación 2017.

Ao longo dos próximos días iranse entregando máis premios: o 15 ao IES Sanxenxo de Portonovo (Pontevedra); o 16 ao CPI Monte Caxado de Ferrol; e o 23 ao CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo). Xa o recibiron o IES Monte Neme de Carballo e o CEIP Sestelo Baión.

Así mesmo, desenvolverase o programa Cooperativismo en movemento co que se levará ás vilas galegas as vantaxes das cooperativas con exposicións e a través da actuación do monologuista Marcos Pereiro. Esta campaña percorrerá as localidades de Foz, en Lugo; Chantada, Pontevedra e Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Porto do Son, na Coruña; e no Carballiño, en Ourense.

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

Deja un comentario