+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

O goberno de Carmela Silva firma dous préstamos sen xuros cos concellos de Poio e Arbo por máis de 160.000 €


Os anticipos amortizaranse en 15 anos e servirán para melloras de servizos e adquisición dun terreo para a posta en marcha dunha residencia da terceira idade

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, xunto co alcalde de Arbo, Horacio Gil, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concesión de dous novos préstamos sen xuros por un valor total de 166.369,31 €, nun acto celebrado no Pazo Provincial. Este tipo de axudas permiten ás vilas de menos de 50.000 habitantes unha fonte de financiamento ao menor custe posible e “que con este goberno, son préstamos sen intereses, xa que antes eran do 2%”, explicou Carmela Silva.
O concello de Poio contará con un préstamo sen xuros de 136.321,55 €, para a mellora dos servizos e urbanización da rúa Benigno Esperón. O anticipo, que se reintegrará en 15 anos amortizarase en quince anualidade de 9.088,10 €. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, amosouse moi agradecido coa Deputación de Pontevedra e sinalou que este tipo de axudas “son moi importantes” xa que “é unha maneira de que poidamos investir e facer melloras”.

O concello de Arbo recibiu a través desta concesión unha achega de 30.047,76 € que servirá para a compra dun solar para o emprazamento dunha residencia de 3ª idade, segundo explicou o alcalde desta vila, Horacio Gil, quen destacou a importancia deste tipo de colaboración por parte da Deputación de Pontevedra, “sobre todo cos concellos rurais e pequenos”, para poder dispor dos medios necesarios para ofrecer aos veciños e veciñas todos os servizos e equipamentos que fagan falla. O anticipo amortizarase en quince anualidades de 2.003,18 €.

A presidenta aproveitou a ocasión para reclamar aos lexisladores e lexisladoras “un esforzo para que o procedemento administrativo sexa máis áxil”, xa que, segundo apuntou Carmela Silva, “os veciños e veciñas moitas veces non entenden por qué tendo todo en marcha, recursos económicos e proxectos técnicos, as obras non se inician, e isto non ten que ver coa xestión alcaldes e alcaldesas senón co engorroso e lento o procedemento administrativo”.
Grazas a estas axudas a Deputación de Pontevedra, permite que os concellos beneficiarios, os de menos de 50.000 habitantes, poidan afrontar a execución de distintos investimentos grazas a unha partida que no seu total ascende a 1.140.396,46 €. Mentres que o anterior goberno concedía os préstamos e anticipos con intereses situados no 2%, o actual goberno decidiu suprimir os xuros co fin de contribuír a facilitar e mellorar a situación que están a vivir os concellos da provincia ademais. Así mesmo, este ano adiantáronse as achegas a comezos de ano (as bases aprobáronse o 27 de xaneiro) ao considerar que se trata dun instrumento máis da planificación de políticas públicas.

En total son sete os concellos destinatarios das concesións neste 2017. Deste xeito, e xunto con Arbo e Poio, Catoira recibiu 400.000 € para o financiamento dunha operación de tesourería, Fornelos de Montes 49.500 € para financiar o equipamento e adaptación de oficinas e impulsar a accesibilidade na praza, A Lama 124.527,15 € para a compra dun camión do lixo e Ponteareas recibirá en breves 400.000 € para financiar a creación da rede de distribución térmica e mercar a deshumectadora da piscina, segundo explicou Carmela Silva.

Deja un comentario