+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A primeira fase da mellora integral de Luís Rocafort quedará totalmente rematada o mércores 21


Este venres 16 finalizarán os traballos de maior relevancia, e luns e martes realizaranse pequenos remates, retiraranse os valos e limparase a vía para que quede en perfecto estado

A primeira fase da mellora integral da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo quedará totalmente rematada o vindeiro mércores 21. Tal e como estaba previsto, os traballos de maior envergadura finalizarán este venres 16, e os vindeiros luns e martes os operarios dedicaranse a realizar pequenos remates, retirar valos de obra e limpar a vía coa intención de que quede en perfecto estado e con garantías de seguridade para o tránsito peonil. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, mostrouse hoxe moi satisfeito coa calidade da actuación, así como co avanzado dos traballos, que van por diante do cronograma pactado co Concello.

“Estou máis que satisfeito pola calidade da obra. A pesares das dúbidas do Concello, a mellora seguiu como se acordou inicialmente e os resultados están á vista: son excelentes. A calidade urbana desta actuación marcará un antes e un despois para Sanxenxo, que será referente da mobilidade sostible, xa que as persoas son o centro da actuación”, apuntou o nacionalista.

Así mesmo, Benítez explicou que as obras van máis adiantadas do planificado inicialmente: está xa rematada totalmente a liña de beirarrúa da marxe esquerda, pero tamén a primeira mazá da banda dereita, polo que durante o verán cidadáns e turistas poderán gozar dunha maior superficie reformada. “O Plan de obra fíxose no seu momento tendo en conta as especificidades de Sanxenxo, contando con parar os traballos na época estival para non frear o desenvolvemento turístico. A nosa preocupación é que todo se faga con calidade e nos prazos acordados para que o tránsito peonil de veciñas e veciños e turistas poida xa facerse polas dúas marxes da rúa”, salientou, lembrando que a marxe esquerda da calzada non dispoñía de beirarrúas nin era posible que os peóns camiñasen con seguridade.

Durante estes días remataranse os traballos coa maquinaria pesada ( o aglomerado e pintado do primeiro sector), e quedarán para a primeira metade da próxima os traballos de menor entidade, como a colocación de varias varandas nos muros, así como a retirada de valos e a limpeza. Quedou acordado que os materiais de obra queden gardados nunha parcela anexa á avenida acondicionada ao efecto e que permanecerá pechada.

Está previsto que o reinicio das obras se realice, tamén como estaba acordado, a mediados do mes de setembro: o luns 18, por considerar que sería pouco eficiente comezar antes dunha fin de semana. Todas estas cuestións foron comunicados polo técnico director de obra ao concelleiro de Infraestruturas de Sanxenxo.

O proxecto de mellora integral da mobilidade na avenida Luís Rocafort está a ser executado pola UTE Nexia-Oresa.

Deja un comentario