+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

Monólogo de Stephy Llaryora no auditorio de Torroso


A actividade está incluída no programa municipal Activa Xuventude, dentro do seu ciclo de “Monólogos”

O vindeiro sábado, 17 de xuño, e incluído dentro do ciclo “Monólogos” que organiza a concellería mosense de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón, enmarcado no programa municipal Activa Xuventude, o Auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso acollerá un novo monólogo a cargo de Stephy Llaryora. Será ás 22.00 horas con entrada libre e de balde ata completar o aforamento (304 butacas).

Stephy Llaryora é unha monologuista, cómica, guionista, actriz, bailarina, e comunicadora. Stephy licénciase en Arte Dramático na RESAD de Madrid, na especialidade de Interpretación Textual e realiza posteriormente o “máster de Interpretación diante da Cámara” na Central de Cine de Madrid. Ten variadas experiencias como actriz, entre as que cómpre subliñar a súa aparición en series como “Hermanos y detectives” ou na longametraxe “Las trece rosas”, así como variados traballos a nivel teatral: “Mihura por cuatro y la cara de su retrato (Teatro Español de Madrid), “Closer”, “La pecera”, etc. Outra experiencia de interese foi a xira dun ano coa Compañía Segoviana Mutis de teatro xestual, de monicreques, para público infantil e adulto. Despois de 3 anos de experiencia actoral, prodúcese un novo movemento e maduración cara unha linguaxe eminentemente cómica.

Na actualidade percorre a xeografía española cos seus monólogos e, dende hai un ano, fixou a súa residencia en Galicia, concretamente en Vigo. No monólogo “Nueba Llorq, sin sexo”, Stephy fálanos dende os seus Trinta: solteira, sen fillos, nin miras.., en contraste coas súas amigas (nais ou casadas). Fala das parellas “frikis” e da “demanda de ir sentando a cabeza” que corresponde a unha muller da súa idade. Preguntándose finalmente, dende o humor, si este é un acto voluntario ou un requirimento social… Visión cómica de muller independente, metade satisfeita coa realidade de solteira, metade indignada de non dar coa horma do seu zapato.

O que se pretende dende o Concello de Mos con iniciativas coma esta é proporcionar alternativas atractivas, buscando acadar unha maior participación da xuventude, e dar continuidade a aquelas actividades que gozaron dunha aceptación favorable. Nesta ocasión o monólogo vai dirixido á poboación mosense maior de 18 anos.

Os obxectivos da actividade son promover un ocio saudable na xuventude do municipio de Mos, ofertar actividades de ocio atractivas e asequibles para a xuventude, motivar aos nosos xoves para un mellor uso do seu tempo de lecer, evitar o estilo de ocio actual baseado no consumo de alcohol e outras sustancias nocivas para a saúde e o correcto desenrolo persoal, crear novos espazos de socialización e divertimento e contribuír a calidade de vida da xente nova.

Deja un comentario