+034 986 09 02 04 Martes 13 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva inaugura “con orgullo e sen complexos” as xornadas sobre a violencia de xénero da escola de igualdade María Vinyals


A Presidenta da Deputación resaltou que “temos que entender que a violencia machista está incrustada nun sistema patriarcal que fai que as mulleres sexamos vítimas dela”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou hoxe unha nova xornada da Escola de Igualdade María Vinyals, que a institución provincial desenvolve no Castelo de Soutomaior. Nesta ocasión, a xornada versou arredor das “Miradas Interdisciplinares sobre a violencia de xénero”, unha lacra que provoca máis de 50.000 asasinatos de mulleres ao ano no mundo.

A Presidenta, Carmela Silva, sinalou que “estamos abordando un dos temas máis difíciles da desigualdade, que é a violencia machista, cunhas xornadas que non son un acto de resistencia senón de optimismo, de convencemento e de compromiso que afrontamos con orgullo”. Silva asegurou que “aínda hoxe é necesario explicar que a violencia contra as mulleres non é unha cuestión doméstica ou familiar, senón que está totalmente incrustada nun sistema patriarcal que fai que as mulleres sexamos vítimas de moitas violencias”.

A Presidenta provincial denunciou que “onte mesmo no Congreso, onde residen a soberanía popular e os dereitos de todas as persoas, tivemos que ver como un home cavernícola subía ao estrado e facía comentarios machistas contra a voceira de Podemos, Irene Montero”, un feito que, segundo Carmela Silva, “tería que facer que hoxe miraramos con vergoña e desprezo a quen se atreve a facer ese tipo de comentarios”. Tamén se dirixiu ao feito de que “este país cometeu un grave error ao decidir que non houbera un Ministerio de Igualdade porque, ao habelo, hai unha prioridade e visibilízase que a Igualdade forma parte dunha forma de facer política”.

A Presidenta provincial tamén fixo un comentario sobre o caso dos insultos que recibiu a través das redes sociais “por mor das cuestións políticas que teño que tomar no meu cargo”. Carmela Silva informou de que “hai dous días foi o xuízo oral, e espero que os concelleiros deses dous concellos da provincia de Pontevedra teñan a sanción que lles corresponda, porque se as mulleres damos o paso e denunciamos estes casos, poderemos avanzar”. Silva asegurou que “é certo que os ataques ás mulleres hoxe en día se revestiron de modernidade, pero seguen a ser os mesmos de sempre”.

A Presidenta lembrou que durante a xornada “imos falar das diferentes violencias que sufrimos as mulleres porque temos que facer debates e enchelos de coñecemento, transmitir e educar ao conxunto da sociedade para así poder cambiar as mentalidades que modifiquen tamén as formas nas que se afrontan as violencias machistas”. “Estamos aquí para cambiar o mundo, que soamente será mellor cando se viva en Igualdade”, sinalou a Presidenta provincial.

Carmela Silva lembrou que “hoxe ninguén se atreve a non posicionarse pola Igualdade con palabras que moitas veces resultan ser baleiras, pero non, temos que dar un paso cualitativo” conseguindo que “a loita contra as violencias que sufrimos e a indignación da sociedade a través da protesta masiva de todas as persoas, homes e mulleres, ten que ser algo habitual” e converterse na “forma de facer fronte ao máis inxusto que padecemos toda a sociedade”.

Carmela Silva sinalou que “as mulleres queremos ocupar todos os espazos, dirixir, que se nos respecte, ter capacidade para construír o mundo e ademais temos unha enorme enerxía que temos que poñer cada día en marcha para que non se nos negue aquilo para o que temos dereito”. Neste contexto naceu a Escola de Igualdade María Vinyals xa que, asegurou a Presidenta, “as políticas de Igualdade para esta nova Deputación de Pontevedra son a nosa única gran prioridade, porque non hai nada máis prioritario que defender os dereitos do 52% da poboación”.

Por iso o espazo escollido para establecela foi o Castelo de Soutomaior, posto que “moitas veces os espazos que lle dedicamos á Igualdade son os máis pequenos e escondidos, non vaia ser que molestemos, pero nós decidimos molestar moito e ter presenza cada día”, sinalou Carmela Silva. A Presidenta, ademais, sinalou que “esta decisión non parte de complexos senón do orgullo porque defendemos ter acceso a todo sen ter que pedir perdón, sen complexos”.

“Miradas Interdisciplinares sobre a violencia de xénero”, promovida pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, afronta un dos temas máis dolorosos e difíciles da desigualdade: a violencia contra as mulleres. Para iso, a institución provincial preparou unha completa xornada composta de conferencias e obradoiros interactivos dirixidos a persoal técnico da Administración local, profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e persoas interesadas nesta problemática.

Na xornada celebrada na Escola de Igualdade María Vinyals, no Castelo de Soutomaior, están a participar personalidades da talla de Miguel Lorente, exdelegado do Goberno para a Violencia de Xénero, a xornalista e escritora Nuria Varela, cun máster en Estudos Interdisciplinares de Xénero e en Xénero e Políticas de Igualdade entre Mulleres e Homes, ou Teresa Peramato, fiscal adscrita á Fiscalía de Sala de Violencia sobre a Muller na Fiscalía Xeral do Estado.

Deja un comentario