+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

A Xunta da Mancomunidade aproba o inicio na tramitación de varios expedientes


A reunión celebrouse na Planta Medioambiental, sita na Portela, e nela aprobouse o inicio no expediente de elaboración dun estudo de xestión do servizo futuro, ademais dos pregos da poxa da maquinaria
A Xunta de Goberno da Mancomunidade reuniuse este xoves para dar luz verde a diversos temas de interese para os tres concellos englobados neste órgano, Bueu, Cangas e Moaña. Entre os asuntos que se debateron destaca o da iniciación do expediente de contratación para a elaboración dun estudo sobre a xestión do tratamento do lixo de cara ao futuro. Neste senso, Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente de quenda da Mancomunidade, apuntou que se trataría dun “documento que nos permitiría ver os modelos de xestión e as diversas iniciativas de levalo a cabo”, aínda que sempre tendo claro que “no futuro queremos camiñar cara a compostaxe e a redución de residuos”. De feito, dende a Mancomunidade xa se está realizando na actualidade compost, o que permite que os residuos comecen a verse como produtos, que é o que se coñece como “economía circular”.
Outro dos temas que dos que se acordou iniciar o procedemento administrativo foi o referente á poxa da maquinaria da Mancomunidade que non se utiliza e que quedou obsoleta. En concreto, trátase dun tromel que ocupa un grande espazo polo que, no caso de retiralo, a Mancomunidade disporía de maior amplitude para a fabricación de compost. Este expediente aprobouse aínda que coa condición de que se incorpore o informe técnico correspondente que avale que non existen impedimentos para proceder así.
A Xunta de Goberno deu luz verde á aprobación das actuacións de reparación e mellora nas instalacións da Planta Medioambiental, na que hai algúns espazos nos que o pavimento está moi deteriorado. Con respecto a este tema, Juncal apuntou que se van manter conversas de negociación coa empresa encargada do servizo, Recolte, para ver o que lles comete a eles con cargo ás obrigas do contrato e o que debería asumir a Mancomunidade.
Ao remate da reunión, o presidente mostrouse satisfeito por poder levar adiante as ideas e ser capaces, tras moitos anos de negativismo, de que a Mancomunidade sexa vista dende a diversidade e proximidade, buscando sempre chegar a un consenso e a un compromiso cos servizos prestados á poboación.

Deja un comentario