+034 986 09 02 04 Venres 14 de Decembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Nuria Varela describe na Escola de Igualdade María Vinyals as características da nova misoxinia


A xornalista e escritora, asesora da ex ministra de Igualdade, destacou que “os asasinatos e a violencia psicolóxica e verbal poñen en cuestión o mesmo concepto de democracia, xa que é difícil falar de democracia se máis da metade da poboación está a sufrir estes índices de violencia”

A xornada “Miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero” trouxo ata Soutomaior á xornalista e escritora asturiana, asesora da ex ministra de Igualdade, especialista en conflitos bélicos e campos de refuxiados, Nuria Varela, para falar sobre “A nova misoxinia”, esa que “non é distinta senón que é a mesma pero moito máis sutil e tamén máis difícil de percibir e combater”.

Para abordar esta cuestión, Varela comezou formulando cuestións sobre como na sociedade do século XXI estamos a seguir soportando os índices de violencia que seguimos a sufrir as mulleres. Neste contexto, Varela remarcou que “os asasinatos e a violencia psicolóxica e verbal están a poñer en cuestión o mesmo concepto de democracia, xa que é difícil falar de democracia se máis da metade da poboación está a sufrir estes índices de violencia”.

E detrás desta cuestión atópase a misoxinia, o odio ás mulleres, algo que vén dende a historia antiga. Así, Varela repasou a autores como Aristóteles, aos pais da Igrexa, á Rousseau, Freud ou Einstein que deixaron mostra por escrito da súas ideas relativas ao papel submiso, inferior e pasivo da muller. Unha misoxinia tradicional que hoxe se está a maquillar con “discursos novos, máis rexuvenecidos, que esconden ideas moi antigas, que representan sistemas patriarcais e unha cultura do simulacro que está a seguir apropiándose dos valores normativos e a colocar ás mulleres nunha situación de vulnerabilidade”.

Varela asegurou que nesta situación de vulnerabilidade, a violencia sutil maniféstase tamén en discursos que transmiten o contrario do que realmente acontece. Ao respecto, a xornalista fixo fincapé en que no momento de aprobar a Lei contra a Violencia de Xénero “presumiuse da súa aprobación por unanimidade e de loita conxunta contra a violencia pero, sen embargo, con 180 consultas ante o Tribunal Constitucional, é a lei que ten máis consultas de constitucionalidade realizadas. Moi significativo”.

Para Varela esta é unha manifestación máis da nova misoxina, sutil e cuberta baixo o velo da igualdade, “moi pernicioso xa que da por feito que vivimos en igualdade e, sen embargo, estamos a impulsar sociedades nas que a hipersexualidade das nenas acontecede cada vez a idades máis temperáns, sociedades nas que as mozas creen que non están a sufrir violencia de xénero porque non fan a lectura de xénero, pensan que foron educadas en igualdade”.

A xustificación e o marco para entender esta nova misoxinia, segundo Varela, é a violencia simbólica definida por Bourdieu como “violencia amortiguada, insensible e invisible que se exerce a través de camiños simbólicos, da comunicación e do coñecemento”. Unha violencia que, tal e como informou a xornalista, “converte en natural o exercicio da desigualdade apoiándose en estereotipos de xénero, cada vez máis permanentes ao longo do tempo e que están a normalizar cuestións como o acoso, e tamén na linguaxe sexista”.

Outra das ideas que trae consigo a nova misoxinia, segundo Nuria Varela, é a cultura da violación, na que “se normaliza, se exculpa e se tolera ao agresor e se culpabiliza á vítima”, así como o interese en que as mulleres non ocupen os espazos públicos de poder, “chegando a debilitar a súa imaxe de autoridade con insultos ou mensaxes que as denigren”. Neste eido, Varela tamén fixo fincapé na cultura do simulacro na que o patriarcado disimula o poder que ten e simula que a igualdade é un obxectivo xa conquistado.

Xa para rematar, Varela puxo de manifesto a necesidade de desarticular “estes discursos falsos da nova misoxinia, moi ben envoltos, e procurar dunha vez por todas unha xustiza que elimine a violencia simbólica e as manifestacións expresas de violencia”.

Deja un comentario