+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva sinala que o Castelo de Soutomaior foi o cumio da igualdade e da loita contra a violencia de xénero


“Miradas Interdisciplinares sobre a violencia de xénero” rematou en Soutomaior cun clamor por un Pacto de Estado contra o Machismo

Máis de 150 persoas asistiron á xornada que contou coas ponencias d@s maiores referentes na loita “contra a maior lacra que temos, e que debe ser a prioridade de tod@s”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou “moi positivamente” a xornada que desenvolveu hoxe a Escola de Igualdade María Vinyals no seu espazo no Castelo de Soutomaior, que levou por título “Miradas Interdisciplinares sobre a violencia de xénero”, unha lacra que provoca máis de 50.000 asasinatos de mulleres ao ano no mundo, e que este ano xa suma máis de 30 asasinatos unicamente no noso Estado.

Carmela Silva asegurou que “este tipo de xornadas son clave porque cremos que é necesario formarse, concienciar e encher de discurso esta reclamación tan xusta que ten que ver con poñer fin a unha sociedade machista e construír unha sociedade de igualdade. Ademais, xeran un espazo de coñecemento e de formación, que é o que precisamos transmitir a toda a sociedade, e tamén de reflexión”. A Presidenta provincial asegurou que “grazas ás accións que estamos a desenvolver na Escola de Igualdade María Vinyals dende que a inauguramos o ano pasado estamos poñendo a Igualdade no foco de atención, xa que temos que seguir loitando para que a defensa dos dereitos que nos corresponden se converta nunha realidade”. Así, “o Castelo de Soutomaior converteuse no escenario central da Igualdade e da loita contra a violencia de xénero na provincia de Pontevedra”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que “non hai sociedades xustas que se poidan construír desde outra perspectiva que non sexa a Igualdade” porque “non nos poderemos chamar unha sociedade nin xusta, nin libre nin democrática ata que nin unha soa muller sexa asasinada”.

Por iso Carmela Silva asegurou que “durante esta xornada na que nos acompañaron personalidades tan relevantes no eido da violencia machista como Miguel Lorente, Nuria Varela ou Teresa Peramato, fomos quen de axudar a moitas mulleres e tamén a moitos homes a adquirir un coñecemento máis profunda da realidade que estamos a vivir, a tombar mitos erróneos sobre o machismo e a poñer en relevancia a necesidade de que dende todos os sectores da sociedade, e por suposto dende a Administración pública, se reclame un Pacto de Estado contra o machismo que faga que conquistemos todos os espazos e todos os dereitos que nos foron arrebatados ás mulleres”. Carmela Silva lembrou que “no que levamos de ano xa son máis de 30 as mulleres asasinadas pola violencia machista” e iso “require de solucións que vaian moito máis alá de convocar minutos de silencio. Estes datos teñen que ser análise e causa suficientes para que a loita contra o machista se converta nunha prioridade política, que para a Deputación xa o é, e situarnos todas e todos con contundencia contra os asasinos machista e contra o machismo”.

Ademais das conferencias, pola tarde desenvolvéronse unha serie de obradoiros que “permitiron complementar todo o coñecemento teórico con accións formativas desde unha perspectiva tamén práctica”, sinalou Carmela Silva. Deste xeito, a secretaria de Muller e Políticas Sociais da FESP-UGT Luz Martínez Ten impartiu o obradoiro “Educando en Igualdade para Previr a Violencia de Xénero”. Nesta acción, a tamén coordinadora da páxina web www.educandoenigualdad.es e experta en Educación en Igualdade falou sobre a orixe da violencia machista dende as relacións afectivas na adolescencia e na xuventude, sobre as formas nas que a mocidade aprende a amar ou sobre como ensinar a amar nos bos tratos. Ademais, Martínez Ten tamén axudou a definir as claves que permiten ensinar a previr as situacións de violencia, a diferenciar o amor romántico e o amor-paixón e cales son as técnicas para traballar coa mocidade para ensinar a pensar as emocións e as relacións, ademais de amosar campañas e boas prácticas en prevención de violencia de xénero.

Nun segundo obradoiro, a ensaísta, investigadora e crítica de cine e televisión Pilar Aguilar abordou en “O amor romántico e o cine” a análise dos relatos de ficción audiovisual para facer visible o invisible, ademais de responder á cuestión de se a misoxinia audiovisual aumenta ou mingua na actualidade ou sobre ser ou non ser as protagonistas do relato.

Por último, María Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, foi a encargada de desenvolver o obradoiro sobre a “Lei Orgánica 1/2004 de Protección Integral e a súa Aplicación polos Tribunais Españois. Muller e Menores, a Materia Pendente da Xustiza”. Os contidos deste obradoiro estiveron centrados na lei de protección integral mailas súas sucesivas reformas, sobre o Tribunal Supremo en interpretación da devandita Lei, a normativa comparada na materia e as resolucións da Unión Europea de obrigada aplicación e tamén sobre o tratamento que ten no contexto europeo a violencia de xénero, comparando a situación entre os distintos Estados membros e facendo unha especial referencia ás campañas institucionais.

Carmela Silva valorou “a altísima participación que tivo a xornada e a boísima acollida que tivo o noso programa”, xa que asistiron “máis de 150 persoas, moitísimas mulleres pero tamén moitos homes, o que amosa que a violencia de xénero e a Igualdade non son asuntos que nos atinxen soamente ás mulleres, senón a toda a sociedade”. Carmela Silva resaltou tamén “o altísimo nivel de reflexións que se puideron ver nas quendas de preguntas que seguiron a cada relato. Ese era precisamente o noso obxectivo, facer que a sociedade pense e reflexione sobre esta barbaridade que estamos vivindo porque sen ese traballo dificilmente poderemos poñer sobre a mesa os recursos e as accións que lle poñan fin”.

A Presidenta provincial clamou “a todas as mulleres e homes a que se miren no noso espello e entendan que a loita pola Igualdade é a loita máis xusta da humanidade” e instou “a todas as Administracións públicas a que escoiten as nosas voces e entendan que seguir minguando os recursos ás áreas de Igualdade é seguir permitindo que vivamos nunha sociedade machista”.

Deja un comentario