+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

Mondariz e APE Galicia asinan un convenio para a dinamización económica do municipio


O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín e o presidente da Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia (APE Galicia), José Ramón Caldas Martínez, veñen de asinar un convenio de colaboración de cara a fomentar a actividade económica e o desenvolvemento local.
En virtude do convenio asinado, APE Galicia poñerá a disposición das empresas e autónomos o seu servizo de asesoramento técnico, xurídico, fiscal e laboral, amais da elaboración de informes, proxectos e eventos de interese para o colectivo.
O convenio, segundo o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, “ten unha extraordinaria importancia para as empresas e autónomos do municipio” xa que, sinalaba o alcalde mondaricense “permitirá crear unha cultura emprendedora”.
O rexedor municipal destacaba o feito que, dende o primeiro momento, “o Goberno local apostou por buscar todos os medios ao noso alcance para dar apoio ao tecido autónomo e mellorar a competitividade das empresas e negocios do municipio”.
Dende ese punto de vista, o convenio ─explica Montes Bugarín─ permitirá ás nosas empresas e traballadores e traballadoras autónomos, “aproveitar toda a experiencia e medios que, nesa materia ten APE Galicia”.
Agradeceu o Alcalde de Mondariz ao presidente de APE Galicia, “o interese amosado pola súa Asociación á hora de formalizar un convenio de colaboración que redundará en beneficio, non só das empresas e autónomos, senón en toda a veciñanza do municipio”.

Deja un comentario