+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O goberno de Carmela Silva destina preto dun millón de euros para seis novos proxectos en concellos da provincia ao abeiro do “Plan Concellos 2017”


As achegas, enmarcadas na liña 1 do Plan, están destinadas á mellora das infraestruturas e servizos municipais de Forcarei, Meis, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Silleda

 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a concesión de axudas por valor de case un millón de euros para seis concellos da provincia. En concreto, as axudas están destinadas á mellora de rúas, á rede de saneamento e á adquisición de vehículos nos municipios de Forcarei, Meis, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Silleda.

Carmela Silva subliñou que “coas axudas aprobadas esta mañá, que ascenden a preto dun millón de euros” (en concreto 955.017,98 €), “levamos xa distribuídos máis de 16 millóns de euros (16.309.659,46 €) da liña 1 do Plan Concellos, é dicir, o 56,3%”.

O concello de Silleda recibirá 235.977,23 € para a mellora da capa de rodamento de vías municipais. Con esta aprobación, Carmela Silva sinalou que “este concello ten xa adxudicado o 100% do Plan Concellos do que lle corresponde este ano”, a través do cal a Deputación de Pontevedra achega 741.293,99 € á vila. Ademais, a Presidenta provincial sinalou que “na actualidade xa hai máis de dez concellos que xa recibiron o 100% dos seus investimentos neste Plan, que son Agolada, Arbo, Barro, Catoira, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos e Valga”.

No caso de Forcarei, a institución provincial decidiu destinar 205.739,71 € para a pavimentación e mellora de rúas e camiños en Forcarei e en Trasdomonte. Con esta última achega, Forcarei leva aprobado o 74,4% do previsto para o Plan Concellos neste ano. Carmela Silva sinalou que “se non fose polas axudas que aprobamos dende a Deputación de Pontevedra, estes camiños municipais non terían tratamentos como os están a ter en todos os camiños de toda a provincia”. “O noso Goberno está logrando que os camiños provinciais estean como deben”, reivindicou a Presidenta provincial.

Por outra banda, a adxudicación destinada a Meis ascende a 67.558,18 € que servirán para o financiamento da subministración dun tractor. Deste xeito, Meis ten aprobado ata o momento o 55,5% do Plan Concellos para o 2017.

O concello de Nigrán recibirá con esta nova achega 282.351,94 € para a mellora das instalacións da Rúa do Mariñeiro. Ata o momento, e co aprobado hoxe en Xunta de Goberno, Nigrán leva o 83,5% do Plan Concellos deste ano aprobado.

Tamén Ponteareas recibirá unha subvención de 100.873,54 € para o proxecto de pavimentación da rúa Canedo, no seu segundo treito, de xeito que as subvencións percibidas por Ponteareas ata a data supoñen o 57,1% do Plan Concellos previsto para esta vila en 2017.

Por último, Redondela contará cunha axuda de 62.517,38 € destinada á ampliación da rede de saneamento na zona da estrada de Padrón. Así, con esta nova achega, Redondela acada xa un grao de adxudicación do 57,7% dos recursos previstos a través do Plan Concellos para esta vila en 2017.

Deja un comentario