+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Rotundo éxito das visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as entradas esgotadas


 

A Deputación de Pontevedra esgotou en tres semanas todas as entradas para as visitas teatralizadas ao castelo programadas ata setembro

Carmela Silva asegurou que ante a boa acollida desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra estuda aumentar o número de visitas para a vindeira edición

En menos de tres semanas desde o comezo das visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior xa se esgotaron a totalidade das entradas dispoñibles para participar na actividade, programada desde maio a setembro. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo “rotundo éxito” deste programa, “unha grande idea cuxa extraordinaria resposta nos anima a repetir e ata a ampliar o número de sesións e prazas o vindeiro ano”.

Silva recordou que a actividade se puxo en marcha o pasado ano por vez primeira e que este ano se está a repetir cun enfoque máis lúdico, dirixido a toda a familia. As visitas, nas que participan 30 nenas e nenos acompañados polas súas familias, mergulla aos e ás participantes “nunha divertida aventura a través da que coñecen os segredos e historia deste monumento medieval e que fai as delicias dos e das máis pequenas da casa”.

Con estas visitas a Deputación de Pontevedra quere ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o Castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, dende as máis pequenas ás maiores, dun xeito divertido e interactivo para que as nenas e nenos poidan coñecer a súa historia dende un punto de vista máis próximo, de forma que cada visita sexa unha auténtica aventura.

Así, as nenas e os nenos son nomeados “cabaleiros e cabaleiras”, e, da man dun bufón e un trovador medieval acompañado polo seu laúde, coñecen as diferentes estancias do castelo, que tipo de comida se preparaba nos castelos, cales eran os cultivos daquela época ou quen foi a ilustre impulsora do feminismo María Vinyals, a “Marquesa Roxa”. Os máis pequenos e pequenas son incluso retados a intentar liberar a un cabaleiro nos calabozos do castelo, e para conseguilo teñen que pasar unha serie de probas que os e as conducen ata a chave que abre a porta da súa celda.

En total, a Deputación de Pontevedra organizou para este verán 34 visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior de 45 minutos para grupos dun máximo de 30 persoas.

Deja un comentario