+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

A UNED de Pontevedra ofrece dous cursos sobre marketing e estratexia dixital e coaching


As formacións terán unha carga lectiva de 8 horas e serán retransmitidas en streaming

O centro asociado á UNED en Pontevedra acollerá os días 21, 22 e 23 de xuño dous novos cursos impartidos pola Escola Europea de Líderes dirixidos a emprendedores e emprendedoras e ao empresariado en xeral. Os cursos, que terán unha carga lectiva de 8 horas e estarán dirixidos por especialistas, abordarán as temáticas do coaching, do marketing e estratexia dixital. Ambas actividades serán retransmitidas por streaming e poderán ser consultadas en directo e tamén en diferido.

O primeiro dos cursos será impartido pola experta en coaching e liderado, Yolanda Villar, baixo o título “Life coaching: especialidade en axudar a persoas a conseguir os seus obxectivos”. Esta xornada formativa pretende introducir aos e ás asistentes no coaching, metodoloxía baseada nas técnicas conversacionais e orientada á consecución de obxectivos. As clases terán lugar do 21 ao 22 de xuño nas instalacións do centro asociado pontevedrés de 9:30 a 13:30 horas e

O segundo curso, titulado “Emprender con éxito. Marketing e Estratexia dixital en Redes Sociais paso a paso para emprender”, será impartido pola experta en mercadotecnia dixital e directora de operacións da consultora Hydra, Eva García Bibian. A formación terá lugar do 22 ao 23 de xuño, de 9:30 a 13:30 horas, nas instalacións do centro asociado de Pontevedra e busca achegarlle ás emprendedoras e emprendedores as principais ferramentas comunicativas empregadas a día de hoxe.

Os cursos teñen un prezo ordinario de matrícula de 80 euros, cun desconto especial para as persoas en situación de desemprego, estudantes con diversidade funcional, membros de familia numerosa e alumnado do centro asociado ou da Escola Europea de Líderes, que pagarán 60 euros.

As persoas interesadas poderán inscribirse nas xornadas formativas a través da páxina web da UNED – Pontevedra (http://www. unedpontevedra.com), chamando por teléfono ao 986 851 850 ou ben dirixíndose ás instalacións do centro asociado.

A Deputación de Pontevedra forma parte do consorcio universitario que garante a viabilidade do centro asociado de Pontevedra, do que tamén forman parte o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a empresa ENCE.

Deja un comentario